Expofamilia afonda nas relacións familiares e a mocidade
O evento, que celebra xa a súa terceira edición, presenta en Ourense experiencias e coñecementos sobre a educación dos fillos
O encontro presenta a numerosos especialistas en pediatría, educación e psicoloxía
Pretende ser unha cita na que se aprende pero tamén se comparte espazo cos nenos e mozos a través de obradoiros e numerosas actividades
A terceira edición de Expofamilia, que se celebra esta fin de semana no recinto feiral de Ourense, recibe o visitante cunha oferta de relatorios, obradoiros e actividades prácticas nas que a saúde e o benestar familiar, e este ano os adolescentes son os protagonistas.
"Xa imos en sesenta ponencias en dous días, outros tantos obradoiros para nenos durante este tempo e abrimos o campo a outras idades: primeira e segunda infancias, adolescentes e adultos", relata Mari Salgado, da organización do evento, sobre as novidades que presenta este ano Expofamilia.
O encontro acolle especialistas en pediatría, educación e psicoloxía que achegan visións innovadoras sobre o xeito de abordar as relacións familiares con nenos e adolescentes.
"Tratar de convecer aos pais de que malia que nos educaron así toda a vida e tan mal non saímos, si que o podemos facer doutra maneira e deixar unha pegada positiva no mundo. Que non fai falla recorrir aos berros, aos golpes, aos castigos. Podemos poñer límites tamén sendo respetuosos", comenta Marta Prada, escritora e divulgadora.
"Os tres pés da educación non só é a escola, senón a familia e a comunidade. Ás veces só facemos forza na escola e na familia pero hai un dito africano que di que "para educar un neno fai falla un pobo enteiro"", incide Antonio Rodríguez, mestre e mobilizador social.
Unha das teimas das xornadas é a de ofrecer alternativas educacionais máis alá das pantallas electrónicas: aprender a relacionarse cara a cara, a través, por exemplo, dos xogos de mesa.
"O tema das cartas coleccionables tipo "Pokemon", "Magic:The Gathering", están descubrindo que poden pasar unha tarde completa sen mirar un móbil e xogando ás cartas", apunta Alba Polo, da tenda "Júpiter Ourense", sobre o cambio que están experimentando moitos mozos.
Con entradas a prezo reducido, o evento permite gozar da familia mentres se aprende. Coa presenza para o serán do domingo de divulgadores como Elsa Punset, entre outros, Expofamilia pretende converterse nun referente para abranguer os novos retos para a familia e a súa saúde.