O camiño de Inverno celebra o décimo aniversario do seu recoñecemento oficial
A ruta parte de Ponferrada e entra en Galicia polo Barco de Valdeorras seguindo o curso do río Sil
É o camiño que se empregaba antigamente para evitar o paso polos cumes nevados do Cebreiro
O camiño de Inverno parte de Ponferrada e entra en Galicia polo Barco de Valdeorras, pasa pola Ribeira Sacra e enlaza en Lalín coa Vía da Prata. É o camiño que se empregaba antigamente para evitar o paso polos cumes nevados do Cebreiro. Distíngueo a beleza das súas paisaxes. Boa parte da ruta segue o curso do río Sil.
"A paisaxe do camiño de Inverno é espectacular, marcada polo río. Ti vés polo río todo o tempo, é unha paisaxe incrible. E tamén ten unha compoñente social moi interesante, unha compoñente do viño, porque o viño desde que en Ponferrada collen o camiño de Inverno, desde O Bierzo, ata que chegan a Santiago é unha zona de viño", explica Javier Gómez, presidente da Federación Galega de Asociacións do Camiño de Santiago
Nestas xornadas, con motivo do décimo aniversario do recoñecemento oficial da ruta, as entidades que a promoven analizan as melloras necesarias para seguir potenciando este camiño.
"O camiño está moi ben conservado, quizáis fai falta algún albergue máis nalgún sitio, como por exemplo en Lalín, pero son cousas moi puntuais. Precisamente nestas xornadas imos ver que necesidades ten o camiño de Inverno", comenta o presidente da Federación Galega de Asociacións do Camiño de Santiago
Máis de 2.400 peregrinos fixeron o Camiño de Inverno no que vai de 2026, un 16% máis que o ano pasado.