A Xunta regula provisionalmente os Camiños a Fisterra, Portugués, Vía da Prata e Inverno ata fixar os límites oficiais
A Xunta regula provisionalmente os Camiños a Fisterra, Portugués, Vía da Prata e Inverno ata fixar os límites oficiais
De tal forma, mentres non se aprobe o trazado definitivo, os seus límites serán os que se establecen no Plan básico autonómico de 2018
Oficialmente só tres vías están delimitadas na actualidade coa máxima protección: Camiño Francés, Inglés e o do Norte
A Xunta regula de forma provisional o trazado dos Camiños de Santiago de Fisterra e Muxía, Camiño Portugués, Vía da Prata ou Mozárabe, así como o de Inverno "mentres non se aprobe definitivamente a delimitación de cada unha das rutas".
Este é un dos máis de medio centenar de cambios normativos que se recollen na futura lei de acompañamento aos orzamentos galegos para 2027, co obxectivo de "reforzar a seguridade xurídica" para a identificación destas catro rutas xacobeas conforme ao previsto no Plan básico autonómico.
E é que oficialmente só tres vías están delimitadas na actualidade coa máxima protección: Camiño Francés, Inglés e o do Norte (tamén coñecido como Primitivo). Está pendente concluír os límites oficiais nas outras catro vías con base na lei galega de patrimonio cultural.
Así, as rutas de Fisterra, Portugués, Vía da Prata e Inverno "teñen a consideración de bens catalogados, coa categoría de territorios históricos". De tal forma, mentres non se aprobe o trazado definitivo, os seus límites serán os que se establecen no Plan básico autonómico de 2018.
Así, "prevalecerán sobre as determinacións discrepantes dos instrumentos de plan urbanístico". O Goberno galego busca "reforzar a seguridade xurídica" coa vista posta no Xacobeo 2027, a uns meses de que dea inicio o próximo ano santo.