O Arcebispo de Nova York oficia a misa do peregrino en Santiago logo de facer o Camiño
Ronald Hicks é un dos xa máis de medio millón de peregrinos que chegou a Santiago no que levamos de ano
O Arcebispo de Nova York, oficiando a misa do peregrino este luns na Catedral de Santiago (TVG)
Contouno nas redes sociais. O arcebispo de Nova York, Ronald Hicks, é un dos xa máis de medio millón de peregrinos que chegou a Santiago no que levamos de ano.
"Tiven unha experiencia moi forte, de Xesús camiñando conmigo", explica.
É estadounidense, pero igual que o papa León XIV, domina tanto o inglés como o castelán. Demostrouno hoxe oficiando a misa do peregrino da Catedral.
"A todos vostedes deséxolles un bo Camiño", díxolles aos presentes nos dous idiomas.
Do Camiño, xunto á conexión con Deus, destaca, como outros moitos, a desconexión das redes sociais.
"Para min o mellor foi a oportunidade de desconectarme do meu teléfono, da milña computadora, do meu traballo", asegura
Se lle preguntan non ten dúbidas: gustaríalle repetir, pero para facer moitos máis de 100 quilómetros.
"Agora, despois de probar un pouqiño como é o Camiño, o meu desexo é regresar un día e camiñalo todo", explica.
E lanza unha mensaxe aos peregrinos:
"Felicidades, Congratulations... Estamos aquí e temos que seguir no camiño. O Camiño non remata aquí en Santiago. O Camiño é a vida"