"Teño confianza e grande esperanza de que León XIV sexa un dos peregrinos do ano santo"
O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, fixo estas declaracións sobre a posible visita do Papa durante a entrevista do Bos Días da TVG
A piques xa de entrar de cheo no ano santo. Faltan moi poucas semanas para a apertura da Porta Santa e para celebrar este Ano Xacobeo 2027. O informativo Bos días da Televisión de Galicia entrevistou o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto.
Hai agora unha semana presentou o lema do ano santo e chamou a vivir un xubileu de alegría, acollida e esperanza. Sobre cal é o seu sentir con respecto ao que nos agarda nos vindeiros meses, o arcebispo manifestou que se viva con alegría e que estea presente no corazón de Santiago e da humanidade.
O lema, "Ao ver a estrela enchéronse de inmensa alegría", un anaco do Evanxeo de San Mateo que evoca a alegría dos Reis Magos ao atopar o sinal que os guiaba ata Belén.
"Eliximos esta frase porque pensamos que neste momento, como Santiago, que é un alento de esperanza, ten que ser un alento de alegría. Pensamos que esa alegría no corazón sexa un sentido da vida e un gozo compartido", manifestou Prieto.
Este ano hai unha novidade. A Porta Santa abrirá ao mediodía do 31 de decembro, e non ás cinco, como era xa habitual.
"Esta decisión tomouse para facilitar os encontros familiares, así pola mañá temos un tempo moito máis flexible para ter o acto da apertura da Porta Santa e da celebración da Eucaristía", destacou o arcebispo de Santiago.
Para a Igrexa trátase dun evento de grandes dimensións onde convive o sentir cristián co efecto turístico que provoca.
"Na praza da Quintana conviven todos e podemos sentirnos parte importante da Igrexa, abrimos as súas portas e queremos ser unha Igrexa acolledora", dixo Francisco José Prieto.
Sobre se o Papa León XIV, que estes días estivo por Francia, fará unha segunda visita a España e virá a Santiago este ano santo, o arcebispo de Santiago dixo que nunha audiencia privada xa lle anticipara o proxecto e o lema do ano santo. Fíxolle unha invitación formal e dixo que "as esperanzas son fundadas e as esperanzas encamíñanse, teñamos un pouco de paciencia, pero eu teño a confianza e grande esperanza de que o papa León XIV sexa un dos peregrinos do ano santo".