O papa León XIV condena o aborto e a eutanasia na súa visita a Francia
"O que é legal non é necesariamente moral", subliñou na terceira xornada da viaxe pastoral
Francia aprobou no mes de xullo unha lei que regula o suicidio asistido
O pontífice tamén mantivo un encontro privado con sete vítimas de abusos sexuais no seo da Igrexa católica gala
O papa León XIV condenou o aborto e a eutanasia na súa visita a un centro que acolle e asiste enfermos e anciáns, dentro do santuario de Lourdes. Afirmou que poñerlle fin á vida non pode considerarse normal e condenou que se eliminen vidas por falsa compaixón.
"O que é legal non é necesariamente moral", subliñou textualmente, no terceiro día da súa viaxe pastoral a Francia, un país que aprobou en xullo unha lei que regula o suicidio asistido.
O pontífice tamén mantivo nesta xornada un encontro privado con sete vítimas de abusos sexuais no seo da Igrexa católica francesa. As asociacións de vítimas lamentaron que recibira unha representación tan pequena.
Dialogar non significa aprobar
Os sete elixidos tamén emitiran hai días un comunicado para subliñar que dialogar non significa aprobar, nin ser recibidos, renunciar ás súas esixencias.
Antes do encontro, León XIV xuntárase cos bispos franceses, aos que lles pediu que manteñan unha vixilancia máxima contra os abusos.
Na misa multitudinaria que oficiou a continuación na explanada do santuario da Virxe de Lourdes tamén demandou que a Igrexa recoñeza os erros e que se curen as feridas.
Unha comisión independente identificou en Francia 330.000 casos de abusos sexuais cometidos por membros do clero entre os anos 1950 e 2020.