En estado crítico un enlace entre os narcos galegos e colombianos tras recibir un disparo na cabeza en Madrid
En estado crítico un enlace entre os narcos galegos e colombianos tras recibir un disparo na cabeza en Madrid
Fontes da investigación cren que detrás do intento de asasinato deste luns estaría unha débeda que a vítima non tería pagado
Gonzalo Germán Sánchez Rey no ano 2010
O home tiroteado este luns nun aparcadoiro subterráneo de Madrid e que se atopa en estado crítico é un dos enlaces do narcotráfico entre Colombia e Galicia.
Gonzalo Germán Sánchez Rey, de 53 anos e nacionalidade colombiana, permanece nun hospital en estado crítico tras recibir polo menos un impacto de bala na cabeza nun garaxe situado na rúa de José Antonio Corrales de Madrid.
A policía atopou no lugar dos feitos dúas armas de fogo.
Sánchez Rey foi detido en Madrid en 2018 en resposta a unha orde internacional de detención e extradición ditada polos Estados Unidos por un cargamento de 713 quilos de cocaína incautado en augas internacionais do Caribe en 2009.
Anteriormente, fora extraditado a España en 2011 e a Audiencia Nacional condenouno a oito anos de cárcere ao ter en conta a atenuante de arrepentimento tardío. O Tribunal Supremo reduciu posteriormente esa condena a sete anos.
Fontes da investigación cren que detrás do intento de asasinato deste luns estaría unha débeda que a vítima non tería pagado. A Policía Nacional está buscando nestes momentos o autor ou autores do tiroteo.
Os sanitarios do Samur-Protección Civil atenderon o ferido, que foi estabilizado no lugar dos feitos e trasladado en estado crítico a un hospital.
Axentes da Policía Municipal de Madrid escoltaron o convoi ata o hospital, mentres que a Policía Nacional se fixo cargo da investigación deste caso. Ata o lugar dos feitos desprazáronse membros da Policía Científica e da Policía Xudicial.