Falece nun hospital de Vitoria Carlos Somoza, exmembro do clan dos Charlíns fuxido dende 2009
Somoza ingresou cunha identidade falsa pero un dos seus fillos revelou a súa verdadeira identidade
Foi detido permaneceu baixo custodia da Ertzaintza ata que faleceu horas despois
Carlos Somoza, exmembro do clan do narcotráfico dos Charlíns, que permanecía fuxido desde 2009, faleceu este luns aos 74 anos nun hospital de Vitoria.
Segundo informou o Departamento vasco de Seguridade, o pasado luns a Ertzaintza detivo nun hospital de Vitoria un home de 74 anos que estaba ingresado e sobre o que pesaba unha orde de detención e ingreso en prisión ditada pola Audiencia Nacional.
A Ertzaintza non ofreceu máis detalles nin confirmou a identidade do arrestado, aínda que, segundo adiantou o diario El Correo, trátase de Carlos Somoza, que foi xenro de Manuel Charlín Gama, histórico dirixente do clan.
Somoza ingresou no hospital vitoriano de Txagorritxu cunha identidade falsa, pero ese mesmo luns presentouse no centro sanitario un dos seus fillos, quen revelou a súa verdadeira identidade.
Fontes da investigación indicaron que esta persoa, condenada por narcotráfico, foi detida entón no centro hospitalario, onde permaneceu baixo custodia da Ertzaintza ata que faleceu horas despois.
Somoza foi detido o 11 de outubro de 2003 durante a chamada operación Retro, que permitiu incautar 6.000 quilos de cocaína a bordo do buque 'South Sea' e desarticular cinco organizacións delituosas.
A xuíza que instruiu o caso considerou Somoza o presunto cerebro do desembarco de cocaína, tras o que o enviou á Audiencia Nacional, que decretou o seu ingreso en prisión.
Tras o xuízo, celebrado en 2009, deuse á fuga e permaneceu en paradoiro descoñecido ata agora.