O Colexio de Médicos de Lugo destapou as trampas da falsa médica localizada en Suíza
España agarda a extradición da falsa médica dende Suíza, sobre a que pesa unha petición de tres anos e medio de cadea
Foi Lugo a pedra no zapato de Andrea Sánchez Antelo. Con só 25 anos, a falsa médica comezou a traballar nunha residencia de anciáns de Outeiro de Rei. Como os médicos deben estar colexiados na provincia onde exercen, acudiu ao Colexio de Médicos de Lugo, e foi alí onde se destapou a trampa.
"No ano 2019, cando se veu colexiar, detectouse que o título parecía falso. O colexio púxose en contacto coa Universidade de Santiago e confirmouse que era un título falso e púxose todo en coñecemento da residencia da terceira idade onde prestaba servizo", relata Luis Lamas, avogado do Colexio de Médicos de Lugo.
Daquela presentaron denuncias contra ela pero durante os tempos de instrución da causa continuou realizando presuntos enganos semellantes en lugares como A Coruña ou Madrid.
En 2025 non acudiu á vista que tiña nos xulgados de Lugo e, de novo, os seus actos na provincia ocasionáronlle outra traba, ditouse unha orde de busca e captura pasando á lista dos máis buscados da Europol. Agora está localizada en Suíza e España leva meses tentando a súa extraditación.
"As autoridades suízas son as que teñen que valorara se procede o que se denomina dobre incriminación, se os feitos que aquí cometeu, presuntamente, son tamén delito alí, e, se así é, procederán á extradición", explica o avogado do Colexio de Médicos de Lugo.
Sobre ela pesa a petición de tres anos e medio de cadea.
Entrementres, agora son os medios suízos os que se fan eco das súas andanzas alí, onde presuntamente cambiou a bata de médica pola de farmacéutica.