Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio nun laboratorio de próteses dentais provoca unha forte explosión en Santiago

Un incendio nun laboratorio de próteses dentais provoca unha forte explosión en Santiago

O lume obrigou a desaloxar 25 veciños de tres edificios

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital: un veciño de 90 anos por inhalación de fume e o propietario do local por unha crise de ansiedade

G24.gal 19/11/2026 14:19 Última actualización 19/11/2026 14:49

Susto no barrio santiagués de Vite tras producirse unha explosión de madrugada no interior dun laboratorio de próteses dentais. Teresa Bahamonde, veciña que vive enriba do local que se incendiou, di que espertou cun forte estoupido e que incluso notou como se lle movía a cama. Conta que nun primeiro momento pensou que se trataba dun terremoto.

A deflagración provocou un incendio de grandes dimensións que obrigou a desaloxar tres edificios da rúa Castelao; uns vinte e cinco veciños en total.

Sara Benenati foi unha das persoas que tiveron que abandonar a súa vivenda. Di que cando saiu non vía nada pola cantidade de fume que había nas escaleiras. Teresa Bahamonde relata que precisou da axuda dos bombeiros para sacar ao seu pai que ten mobilidade reducida.

Ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Policía Local e dos bombeiros de Santiago. A rápida intervención impediu que o incendio afectase ás plantas superiores, pero o interior do local quedou completamente calcinado.

Manuel Sanmartín, oficial xefe do parque de bombeiros de Santiago, descoñece as causas do incendio pero sinala que no interior do local había varias bombonas que contiñan gas a presión o que puido provocar o forte estoupido que escoitaron os veciños. Di que a sorte foi que a explosión non foi cara arriba xa que podería ter provocado moitos máis danos no edificio.

Non houbo que lamentar vítimas mortais, pero dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital: un veciño de 90 anos por inhalación de fume e o propietario do local por unha crise de ansiedade. Os dous xa foron dados de alta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade