Levan unha caixa forte en Poio con cartos e xoias de ouro que superan os 20.000 euros
As cámaras de seguridade gravaron os asaltantes no percorrido que fixeron polo Campelo
Unha veciña frustrou un segundo roubo noutra vivenda a poucos metros
Atravesaron o xardín, sen reparar nas cámaras de seguridade.
"Vense dúas persoas encapuchadas, con guantes e unha mochila pequena atravesando a finca. Só atravesaron, ás sete da tarde, e ao día seguinte xa nos enteramos de que roubaran un pouco máis abaixo pero entendemos que tamén o tentaran na parte de riba e por iso atravesaron por esta finca", explica Jaime, aínda co medo no corpo.
Nesa casa nin o intentaron porque había xente dentro, pero seguiron camiño.
Primeira parada da que hai constancia, a poucos metros. Eles non estaban. Leváronlle a caixa forte con algo de efectivo, pero, sobre todo, con ouro. Xoias boas, que superan os 20.000 euros.
Non contentos, fixeron outro intento na casa de Rosa. Sorte da veciña.
"Desgraciadamente son fumadora e saín á terraza cando vexo dúas persoas vestidas de negro saltando a reixa. Durante un segundo pensei que eran amigos ou a propia familia pero reaccionei porque era estúpido e absurdo. En voz moi baixa, e sen acender as luces para que non se decataran da miña presenza, chamei a Rosa por teléfono", relata María José, a veciña.
Rosa reaccionou da mellor maneira. Chamou a policía e prendeu as luces da entrada.
"Chamoume María José que vira a dúas persoas, vestidas de negro, encapuchadas, saltando a reixa. Díxenlle que cortara e chamei á policía e mentres acendín as luces. Chamei á policía e viñeron enseguida e viñan xa de andar detrás de alguén por aí e, dende ese momento, xa non os vimos saír", engade Rosa.
Concientes do erro, os asaltantes fuxiron. Estas bandas nunca entran en casas con xente.
"Eu creo que acostuman a pensar que cando as persianas están baixas, non hai xente dentro e non é certo porque quen máis quen menos, ao vir a chuvia ou a noitiña, pecha todo", sinala a muller.
Ao día seguinte de se saber, a visita foi a que é sempre, a dos vendedores de alarmas e cámaras de seguridade. Pero o certo é que tampouco iso os amedrenta. A única liña vermella que se poñen é que non haxa xente dentro.