Atopadas máis garrafas de gasolina nas praias galegas
En Muros, en Cangas, e agora na Pobra
En menos dun mes máis dun cento de garrafas de combustible aparecen en varias praias
Desta volta apareceron no concello da Pobra do Caramiñal, nas praias de Cabío, A Illa e A Corna. Foron varios particulares os que deron aviso a Protección Civil da presenza de varias garrafas dispersas polos areais, moi similares ás que usan para abastecer de combustible as narcolanchas en mar aberto. Foron aparecendo aos poucos ao longo de todo o día. En total 11, todas baleiras. Só unha conservaba o tapón, que desprendía un forte olor a gasolina
En menos dun mes é a terceira vez que o mar arrastra cara á costa envases deste tipo. A finais de outubro apareceron en Muros, na praia do Ancoradoiro 17 garrafas de 25 litros. A maioría aínda cheas. Outras 49 estaban aboiando fronte ás costas de Cangas cando foron avistadas por uns pescadores.
Todas elas son practicamente idénticas ás atopadas nunha lancha na localidade portuguesa de Esposende, a 75 quilómetros de Galicia, no marco dunha operación antidroga da Guarda Nacional Republicana.
Investígase se estes casos que coinciden no tempo, gardan relación tamén coa morte dun vilanovés, que apareceu flotando nas inmediacións da praia de Esteiro en Muros e coas dúas persoas aínda desaparecidas en Vilanova e Cambados. Segundo consta na denuncia, un dos desaparecidos fora visto 5 días antes en compañía do home falecido.