Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cae en Vigo unha banda que subministraba "armas pantasma" a narcos que operan nas Canarias

Cae en Vigo unha banda que subministraba "armas pantasma" a narcos que operan nas Canarias

A operación comezou en outubro do ano pasado, cando foi interceptado na terminal viguesa un cargamento de armas oculto que un individuo trataba de trasladar en avión cara ao arquipélago canario

Hai catro persoas detidas, de entre 35 e 46 anos, todas con domicilio nas Canarias e con antecedentes penais

A banda tiña ramificacións internacionais e subministraba armas a organizacións dedicadas ao narcotráfico

Garda Civil Garda Civil
G24.gal 13/11/2026 10:55

Unha investigación que comezou co achado dun cargamento de armas no aeroporto de Vigo en 2025 permitiu desarticular nas Illas Canarias un grupo criminal con ramificacións internacionais e dedicado a fornecer armas de fogo e municións a organizacións de narcotráfico.

A operación Terminales, da que informa a Garda Civil nun comunicado, levou á detención de catro persoas de entre 35 e 46 anos, todas con domicilio nas Canarias e con antecedentes penais.

A Praza 4 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo dirixiu as pescudas e decretou prisión provisional para un dos detidos.

Alén dos catro arrestados, foron investigadas outras dúas persoas, todos eles por delitos de integración en grupo criminal, tráfico ilícito e depósito de armas e municións, e tráfico de drogas.

A operación comezou en outubro do ano pasado, cando foi interceptado na terminal viguesa un cargamento de armas oculto que un individuo trataba de trasladar en avión cara ao arquipélago canario.

A análise do material intervido en Vigo revelou que varias das pezas eran pistolas fabricadas ilegalmente no estranxeiro sen número de serie nin marcaxes identificativas, coñecidas como 'armas pantasmas' para impedir o seu rastreo, e que o arrestado actuaba como muleiro a soldo, o que conduciu días despois á detención do seu contratante nas Palmas de Gran Canaria.

A partir da documentación incautada a estes dous primeiros implicados e da cooperación internacional con Europol, Italia, Francia e Portugal, os investigadores do Servizo de Información comprobaron que ambos os dous formaban parte dunha estrutura organizada de maior entidade.

A rede províase de armamento no estranxeiro, comunicábase mediante aplicacións encriptadas e utilizaba a Península como plataforma para enviar os cargamentos cara ás Canarias.

Tras varios meses de seguimento, a operación culminou a finais do pasado mes de outubro co arresto doutros dous xefes en Fuerteventura e A Gomera, o que deu por desmantelada a organización.

Nos seis rexistros practicados interviñéronse oito armas curtas (sete pistolas e un revólver), un rifle, un silenciador, 500 cartuchos metálicos, un quilo de cocaína, útiles para a súa adulteración, 15.000 euros en efectivo e un vehículo equipado cun sofisticado dobre fondo para ocultar armas e estupefacientes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade