Declarado un incendio no compostelán Psiquiátrico de Conxo orixinado nun colchón
O lume, declarado no interior dos cuartos, foi sufocado polos bombeiros e dous homes trasladados ao Complexo Hospitalario de Santiago
A intensa fumareda obrigou a trasladar de planta a internos e traballadores
Un incendio declarouse de madrugada no Psiquiátrico de Conxo, en Santiago.
A alerta recibiuse durante a madrugada tras arder o colchón dun dos cuartos. Ata o lugar trasladáronse os bombeiros, que sufocaron as lapas e ventilaron, e varias patrullas da Policía Local e a Nacional, e dúas ambulancias, que levaron ao hospital dous homes de 64 e 90 anos.
A densa fumareda obrigou a mover de planta a traballadores e pacientes.
Non houbo danos persoais, os materiais son moi limitados e está aberta unha investigación para determinar as causas do sinistro.