Arde un vehículo circulando en Arbo e queda totalmente calcinado
O condutor cando detectou o primeiro fume estacionou o coche nunha vía secundaria
Circular polas estradas galegas en días de treboada ten os seus riscos. Nas últimas horas un condutor resultou ferido dentro do seu vehículo no Porriño tras a caída dunha árbore sobre o seu vehículo. A outro incendióuselle o coche en Arbo e resultou ileso, ademais logrou deixar o vehículo nunha vía externa, polo que apenas entorpeceu o tráfico.
O firme quedou derretido na vella PO-400 á altura do quilómetro 22 preto de Barcela e Mourentán, tras arder onte un Golf contra as oito e vinte do serán. A extinción realizada polos bombeiros de Ponteareas durou case tres horas.
O condutor duns trinta e cinco anos saíu polo seu pé e tivo a boa idea de achegar o coche a unha vía secundaria, polo que o suceso apenas afectou o tráfico.
O xefe dos bombeiros de Ponteareas di que os coches que arden nas estradas galegas seguen sendo na súa maioría de combustión, malia estendida idea de que se queiman máis os eléctricos.
Non foi o único susto nas últimas horas nas estradas galegas onde caeron algunhas árbores. Unha delas fíxoo sobre estoutro vehículo na autovía A-55 entre Vigo e O Porriño á altura da parroquia porriñesa de Cans ás nove e media da noite. Desta volta si o condutor resultou ferido e trasladado a un centro sanitario. O parabrisas do coche quedou totalmente cuarteado e as pólas chegaron a introducirse no coche.