A Xunta dotará as familias de dispositivos para evitar esquecer nenos nos coches
O aparato, que funciona con sensores de presión e peso, será entregado de balde ás familias
O Consello da Xunta acordou este luns entregar dispositivos para detectar cando un pequeno quedou esquecido nun vehículo ás familias con nenos acabados de nacer ou de curta idade.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estes dispositivos, 40.000 en total, serán entregados de balde nos propios hospitais cando naza un neno na coñecida como cesta benvida e aos xa nacidos nos servizos de pediatría do Sergas.
Segundo concretou a conselleira de Política Social, Ánxeles Vázquez, o dispositivo irá conectado ao coche, e funciona con sensores de presión e peso, sen necesidade de conexión a Internet nin de empregar aplicacións específicas, que detectan cando finalizaron as viaxes e advirten se o pequeno continúa no interior do vehículo.
A Xunta destaca que Galicia é "pioneira" na implantación destes dispositivos, que xa son de uso habitual en Italia.
O Parlamento Europeo aprobou hai apenas dúas semanas facer obrigatoria esta medida para todos os vehículos novos, aínda que as estimacións da Xunta son que non sexa efectiva ata o ano 2031.
Por tanto con esta medida o Goberno galego pretende adiantarse á futura normativa e ademais vaino facer de modo gratuíto para todos os proxenitores, non unicamente para os que compren un vehículo novo.
Para a adquisición destes 40.000 dispositivos a Xunta reservou unha partida de 1,35 millóns de euros, engadiu Vázquez.