Veciños de Narón quéixanse de goteiras nun edificio de protección autonómica
A Xunta asegura que "as competencias do IGVS limítanse a requisitos de cualificación do inmoble e ao visado dos contratos de arrendamento"
Os veciños fan quendas para baleirar os contedores de plástico e os caldeiros, antes de que a auga anegue o baixo deste edificio número 10 da rúa O Grove de Narón. Na zona común de acceso á lavandería o falso teito derrubouse e temen consecuencias maiores.
Contan que a situación vén de vello e que un bo número de inquilinos teñen humidades nas vivendas. Neste inmoble de protección autonómica hai unhas sesenta vivendas en réxime de alugueiro. A construtora é Costa Coruña.
Desde a Xunta aseguran que as competencias do Instituto Galego de Vivenda e Solo neste inmoble "están limitadas á comprobación do cumprimento dos requisitos para a cualificación provisional e definitiva e ao visado dos contratos de arrendamento", e que o problema corresponde ao "ámbito da relación entre o propietario e arrendatario".