Publicador de contidos

Publicador de contidos

Intentan estafar os comerciantes en varios concellos da Mariña

Intentan estafar os comerciantes en varios concellos da Mariña

Tanto en Ribadeo como en Burela, fanse pasar por persoal municipal para pedirlles que efectúen pagamentos por taxas

Rúa comercial no centro de Ribadeo
Félix Aragunde 18/11/2026 13:55

Nos últimos días saltaron as alarmas no comercio local de Ribadeo. Facéndose pasar por persoal do Concello, os estafadores contactan cos negocios para intentar cobrar cartos por supostos trámites.

"Estanse a producir tanto chamadas como visitas a establecementos, de forma física, de supostos funcionarios do Concello para cobrar taxas. Isto detectouse hai uns días, con varios avisos que recibimos dun intento presencial e de varios telefónicos, que se suman a outros de hai meses de supostas chamadas de asociacións empresariais de ámbito autonómico e provincial", advirte Jesús Pérez Prada, xerente da asociación de comerciantes ACISA Ribadeo. 

Ante estes intentos de estafa, tanto a asociación de comerciantes como o Concello fan un chamamento para extremar as precaucións. E outro tanto ocorre en Burela, onde tamén se rexistraron denuncias por chamadas en que suplantaban a identidade do persoal municipal. 

"Hai que ter precaución, porque sempre che pode tocar a ti. A nós de momento non nos chamaron, pero si a varios compañeiros, que xa avisaron polo grupo de ACISA de que estaban chamando para quedar e recadar cartos", sinala Rocío Loredo, dependenta nunha tenda ribadense. 

"Ante esta situación, o que fixemos foi avisar inmediatamente as autoridades e despois avisar os socios de que os establecementos, e incluso a veciñanza, de que isto non é real, que son intentos de estafa. O que procuramos é informalos de que ningún tipo de administración, sexa un concello, a Xunta ou a deputación, cobra nunca en efectivo nada", engade o xerente de ACISA Ribadeo. 

Ademais de non efectuar pagamento ningún, as autoridades locais recomendan non facilitar datos persoais nin bancarios e presentar as correspondentes denuncias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade