Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Irmandade Illa de Tambo denuncia a aparición de artefactos incendiarios na ría de Pontevedra

A Irmandade Illa de Tambo denuncia a aparición de artefactos incendiarios na ría de Pontevedra

Atoparon un artefacto de fósforo branco en xullo, nun mergullo na zona de Tambo

Cren que o artefacto pode estar relacionado co pasado da illa, de uso militar ata 2002

Imaxe do artefacto atopado polos mergulladores
G24.gal 18/11/2026 14:07

Foi nun mergullo organizado pola Irmandade Illa de Tambo en xullo. Querían coñecer máis dos fondos mariños arredor da illa. Un dos mergulladores atopou un obxecto, como unha lata de refresco, e recolleuno pensando que era lixo. Pero, unha vez que o botou no barco, o obxecto prendeu "unha chama persistente, dun líquido pegañento, difícil de apagar", explica Xesús Rodríguez, secretario da asociación.

Alarmados, din que puxeron rumbo a terra e deron aviso á Garda Civil. Os axentes recolleron o artefacto no peirao de Combarro, e explicáronlles de que se trataba: "Dixeron que era un elemento de fósforo -lembra Xesús-, que mentres está na auga non ten perigo, pero ao quedar ao aire prende automaticamente".

A Garda Civil confirma que se trataba de fósforo branco, pero aclara que non arde, senón que desprende moito fume e unha luz intensa. Pode coller temperatura elevada, así que recomendan non manipulalo se atopan un. Aquel artefacto foi destruído polos Tedax, e non lles constan máis casos. 

Pero Xesús conta que á asociación chegaron rumores de que outra embarcación recolleu un artefacto similar na zona e, a finais de agosto, unha mensaxe comezou a circular polas redes para advertir os mariñeiros. "Identificando o tipo de produto, advertindo do risco que supón e recomendando que se manteña na auga, para evitar riscos", explica Xesús.

Temen que poida haber máis: pensan que o artefacto pode ser un resto da polvoreira da illa de Tambo, que tivo uso militar ata 2002. 

"Tivo un uso de formación e prácticas militares, polo tanto penso que este tema esixe un seguimento, pola seguridade dos mariñeiros, as mariscadoras e os turistas que se moven na contorna desta illa", di o secretario da Irmandade Illa de Tambo.

Di que por iso fan público este achado, meses despois. Tanto na Consellería do Mar coma nas confrarías que traballan na ría sorprendeu: foi a primeira noticia, din, de que poida haber artefactos deste tipo nos fondos mariños da zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade