Un mel do Deza conquista o podio da cata Meladictos de Valladolid
Dezabellas foi o mellor multifloral de España e o segundo da gran final
Logrouno nun ano especialmente difícil pola seca e as velutinas
As abellas non o saben, pero están de parabéns. O mel que fixeron nun apiario de Lalín foi o mellor multifloral de toda España e o segundo da gran final do certame Meladictos.
"En doce anos que leva esta prestixiosa cata ningún mel galego lograra chegar á gran final, estou moi orgulloso", comenta o apicultor Álvaro Martínez García.
Álvaro xa contaba con moitos premios internacionais pero estes fanlle especial ilusión, porque foi un ano duro pola seca e a presión das velutinas. Toda unha odisea que combateu con trampas e troianos.
"Consiste en atrapar velutinas, impregnalas cunha pequena dose de xel de cascuda e soltalas. Elas, como en Troia, métense no seu niño e van eliminando as outras desde dentro".
Controlado o inimigo, as abellas e a vexetación que do Deza fixeron o resto.
"Queremos condensar nun tarro a esencia do lugar. Este finca está en Rede Natura rodeada de castiñeiros centenarios e un río que achega auga e flores con matices para o mel".
Con esta filosofía Álvaro pasou de ter dúas colmeas por afección a unhas 150 en catro alvarizas que envasa por separado.
"Non nos piden o mel por variedades, nos piden o mel por alvarizas. O que dea esa paraxe ese ano, se é monofloral de castiñeiro, pois monofloral, e se é multifloral, pois multifloral".
Un mel cru con propiedades para quen o proba, pero tamén para o propio territorio onde se fai. Antes unha leira abandonada a toxos, hoxe un próspero apiario que pon a Lalín no mapa da apicultura mundial.