Publicador de contidos

Publicador de contidos

A fraude do mel: como distinguir a auténtica da adulterada

A fraude do mel: como distinguir a auténtica da adulterada

Hai produtos de mel adulterados con azucres e xaropes, moitos proceden doutros países

Á hora de mercar un tarro de mel hai que ler ben a etiqueta: ver a composición, a súa orixe e a trazabilidade do produto

Os expertos aconsellan na nosa comunidade ir ao seguro, mercando mel de Galicia da Indicación Xeográfica Protexida

G24.gal 03/10/2026 14:54

Estamos en plena campaña do mel. O ciclo das abellas comeza cara a febreiro ou marzo coas primeiras floracións. Unha vez rematada a extracción do mel en setembro, inícianse os controis de calidade, comézase a envasar e comercializar para o outono. Todo isto non garante que non haxa fraudes na súa venda. 

Non todo o que atopamos no mercado que se presenta como mel o é realmente... Como distinguir o auténtico do adulterado?

"Si que pode haber un mel chamado fraudulento cortado con azucres ou por outro tipo de compoñentes, non tóxicos pero fraudulentos. Hai outros parámetros que pode ser un mel máis envellecido, que non ten a calidade polínica que non é a que oidamos ter nun mel de orixe. É importante ver o etiquetado e a composición" destaca Thierry Dagnac, investigador do CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo).

Nalgúns casos, faise pasar por mel o que en realidade leva ingredientes engadidos coma azucres e xaropes. É unha maneira de abaratar custos e unha fraude para o consumidor.

"Xeralmente son mesturas, non son de tipo monofloral, son mesturas que proceden de diferentes países. Nalgún caso sabemos que houbo un corte porque non contén a suficiente cantidade de enzimas e sen isto sabemos que pouco tivo que ver a abella e detrás diso hai un fraude", di Thierry Dagnac.

Segundo unha investigación coordinada pola Unión Europea cun informe elaborado en 2023, tras analizar centos de partidas de mel importado, chegouse á conclusión de que case o 46 por cento presentaba indicios de non cumprir as normas de autenticidade.

"A normativa do etiquetado, aínda que é unha normativa de hai uns anos, entrou en vigor no 2026. Eu recomendaría consumir meles producidas en España e máis concretamente en Galicia coa etiqueta da Indicación Xeográfica, que nos asegura que é mel de aquí cen por cento e que é de calidade", engade.

Á hora de comprar un tarro de mel hai que ler ben a etiqueta e que esta sexa completa. Ver a composición, a súa orixe e a trazabilidade do produto. E lembrar que na nosa comunidade, ir ao seguro é mercar mel de Galicia da Indicación Xeográfica Protexida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade