Compañías galegas sofren ciberataques cada mes: "Agora van por empresas industriais"
A manipulación de neveiras en supermercados revela que a sociedade está cada vez máis exposta a estas agresións
Os profesionais aconsellan manter os sistemas actualizados e establecer medidas que compliquen os accesos
Parece de película pero é real. Nun intre, simplemente tecleando dende o seu portátil, Pedro Otero consegue chegar ata algunhas das mesmas neveiras de supermercados que foron manipuladas en distintos países de Europa. El non as vai manexar, necesitaría ademais burlar os contrasinais, pero así demostra que cada vez hai máis aparellos conectados a distancia, aos que pode acceder calquera cun pouco de práctica. É lóxico nun mundo no que milleiros de tarefas se realizan "en remoto" pero proba tamén ata que punto é doado dar con eles.
"Teñen accesos para controlalos de xeito remoto e que a xente que traballa no supermercado non teña que intervir, por iso teñen esa porta exposta ao exterior", explica Pedro Otero, profesor do máster de Ciberseguridade na Universidade Internacional da Empresa en Vigo.
No caso dos supermercados, os atacantes conseguiron atravesar esa porta porque non estaba ben pechada. Os primeiros datos apuntan a que o software non estaba actualizado. Acontece en todo o mundo, tamén en Galicia, onde algúns ataques transcenden e outros non. En Vigo, a empresa de ciberseguridade Inprosec traballa agora mesmo con catro empresas que pediron axuda despois de sufriren ataques en setembro.
"E houbo dous ou tres que tiveron un impacto significativo porque paran a produción. Agora van a empresas industriais porque son as que máis sofren unha parada", revela Iago Fortes, o fundador e director de Inprosec.
Novas ferramentas
Pero tamén van xurdindo novas ferramentas para evitar ou combater os ataques. No centro tecnolóxico Gradiant un equipo de cincuenta persoas traballa só en ciberseguridade. Utilizan, entre outras cousas, a seguridade analítica: buscar anomalías nos procesos automatizados ou que se realizan a distancia para descubrir así un posible intento de agresión.
"O risco cero non existe. Temos que partir da base de que, nun mundo ciberfísico en que a superficie de ataque se vai ampliando, poden existir este tipo de ataques", asegura Raquel Jiménez, a responsable de Ciberseguridade Analítica de Gradiant.
Porque, segundo as estatísticas, os ciberdelitos están aumentando e en España hai case medio millón ao ano. Moitos van dirixidos a empresas e os datos din que boa parte das pequenas e medianas compañías que sofren un ataque informático non son quen de recuperarse.