Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ciberataques alteran a refrixeración de alimentos en comercios de cinco países europeos

Ciberataques alteran a refrixeración de alimentos en comercios de cinco países europeos

Frigoríficos a 50 graos e ducias de millóns en perdas nun só día

UNSPLASH/TARA CLARK UNSPLASH/TARA CLARK
G24.gal 02/11/2026 16:45

Unha vaga de ciberataques contra os sistemas de refrixeración de supermercados e outros comercios afectou establecementos de polo menos cinco países europeos, con perdas de alimentos, retiradas preventivas de produtos e temperaturas de ata 50 graos en equipos de tendas suecas, tres semanas despois dun episodio similar en Francia.

Os incidentes, rexistrados durante a madrugada do domingo ao luns, alcanzaron Bélxica, Luxemburgo, Suecia, Irlanda e Países Baixos. Os balances facilitados polas empresas inclúen uns corenta supermercados Delhaize e quince Carrefour en Bélxica, trece SuperValu en Irlanda e dezasete negocios neerlandeses, ademais doutros establecementos.

A dimensión económica desta nova vaga segue sen coñecerse. En Bélxica, algúns comercios tiveron que desbotar mercadorías pola ruptura da cadea de frío e outros recorreron a camións frigoríficos para preservar os seus alimentos. En Irlanda, os produtos refrixerados e conxelados dos supermercados afectados foron retirados da venda por precaución.

Os atacantes accederon a distancia a equipos conectados a Internet para elevar as temperaturas

O procedemento descrito nos distintos países presenta similitudes. En todos eles, os atacantes accederon a distancia a equipos conectados a Internet e manipularon o seu funcionamento para elevar as temperaturas ou activar o modo de desconxelación. Porén, as informacións dispoñibles non permiten establecer aínda se todos os incidentes responden a unha mesma operación.

En Bélxica, onde se comunicou un dos maiores balances de establecementos afectados, os problemas comezaron arredor da medianoite. Algúns conxeladores alcanzaron uns 15 graos centígrados, segundo a radiotelevisión pública RTBF.

O responsable de varios supermercados Delhaize de Bruxelas explicou a ese medio que as alarmas do seu teléfono o espertaron contra as tres da madrugada. Ao acudir a un dos seus locais comprobou que os compresores deixaran de funcionar e que os frigoríficos expulsaban aire quente.

Ademais de Delhaize e Carrefour, medios locais sinalaron incidencias en establecementos Spar e nunha cadea de carnicerías de Antuerpen. A empresa de instalacións frigoríficas Sabcobel detectou unha vintena de sistemas afectados entre os centos que xestiona en Bélxica e mobilizou técnicos desde a unha da madrugada.

Delhaize confirmou tamén problemas en Luxemburgo, aínda que sen precisar cantas tendas resultaron afectadas.

Temperaturas de ata 50 graos e retiradas de alimentos

En Suecia, Ica, a principal cadea de supermercados do país, recoñeceu ataques contra un número limitado de tendas, sen concretar a cifra nin a súa distribución. Coop tamén informou de incidencias en varios establecementos e sinalou que as temperaturas dos seus equipos chegaran ata os 50 graos. O Centro Nacional para a Seguridade Cibernética abriu unha investigación.

En Irlanda, Musgrave, propietaria de SuperValu, limitou o problema a un modelo específico de equipos de refrixeración instalado en trece supermercados. A empresa asegurou que os seus sistemas de vixilancia detectaron a incidencia e que adoptou medidas inmediatas.

A compañía mantén a venda do resto dos produtos e garante que os alimentos dispoñibles se conservaron a temperaturas seguras. Traballa cos provedores dos equipos e con especialistas en ciberseguridade para restablecer a normalidade.

En Países Baixos, o provedor Danfoss confirmou ataques contra dezasete empresas, principalmente carnicerías e pequenas tendas, aínda que non constan incidencias nas grandes cadeas de supermercados.

Un dos afectados foi un almacén de conxelados que pasou dos habituais 20 graos baixo cero a 10 baixo cero. A empresa indicou que se puido intervir rapidamente, pero non detallou se houbo alimentos destruídos ou perdas económicas.

Segundo Danfoss, os sistemas atacados utilizaban contrasinais predeterminados e estaban conectados a redes sen protección adecuada. A compañía advertira aos seus clientes neerlandeses a mediados de outubro e recomendara desconectar os equipos de Internet ou restrinxir o acceso mediante redes seguras. O seu portavoz sostivo que os ataques poderían terse evitado aplicando esas recomendacións.

O antecedente máis importante produciuse en Francia durante a noite do 11 ao 12 de outubro, cando foron atacados os sistemas de refrixeración de centos de supermercados de cadeas como Intermarché, Coopérative U, Carrefour, Leclerc e Monoprix. A manipulación dos equipos obrigou a destruír alimentos e provocou tamén conatos de incendio, segundo a Fiscalía de París.

Naquel episodio, algúns frigoríficos foron levados ata os 50 graos durante seis horas. O presidente de Intermarché estimou que as perdas do conxunto do sector podían alcanzar decenas de millóns de euros nunha soa xornada.

Por separado, Albert Heijn, a maior cadea neerlandesa, sufriu en outubro outro incidente informático que dificultou o abastecemento e interrompeu os pedidos por Internet, aínda que non existen, polo momento, probas que vinculen aquel caso cos ataques contra os equipos de refrixeración.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade