A maior plataforma de criptomoedas do mundo sofre un ciberataque estimado en 6.300 millóns
Mentres investiga o ocorrido, Binance suspende temporalmente os depósitos e conxela 3.000 millóns de euros
Crese que os atacantes retiraron fondos sen autorización desde o portátil dun enxeñeiro de operacións
A maior plataforma de criptomoedas do mundo, Binance, informou este venres dun incidente de seguridade cun impacto estimado en 6.300 millóns de dólares. Mentres investiga as operacións non autorizadas, a compañía bloqueou uns 3.000 millóns e suspendeu temporalmente os depósitos e retiradas.
As investigacións preliminares apuntan a que os atacantes puideron comprometer o computador portátil dun enxeñeiro de operacións e acceder desde el a un dos seus sistemas para executar retiradas de fondos sen autorización.
Binance precisou que ata o momento non atopou probas dunha filtración das claves privadas dos seus moedeiros dixitais e anunciou que publicará un informe técnico detallado cando conclúa a investigación.
A empresa sinalou que traballou con socios do sector das cadeas de bloques para conxelar uns 3.000 millóns de dólares en activos afectados, aínda que de momento non determinou publicamente o importe definitivo das perdas nin canto diñeiro poderá recuperar.
Así mesmo, asegurou que cubrirá todas as perdas mediante o seu fondo de protección de usuarios, coñecido como SAFU, e recursos propios, á vez que sostivo que os fondos dos seus clientes están seguros.
Como medidas inmediatas, Binance suspendeu temporalmente os depósitos e retiradas, revogou a autorización da dirección afectada e solicitou a colaboración das forzas de seguridade e empresas especializadas no rastrexo de transaccións con criptomoedas.
A plataforma tamén anunciou que actualizará a súa proba de reservas unha vez completadas as medidas correctivas, mentres continúa investigando a identidade dos responsables do ataque.
Fundada en 2017 en Shanghai polo empresario Changpeng Zhao, Binance trasladou as súas operacións fóra da China tras as restricións impostas ese ano ao comercio de criptomoedas e pasou a operar internacionalmente sen unha sede central única.
Caídas no mercado
O incidente provocou caídas nas principais criptomoedas, co bitcoin retrocedendo máis dun 3 % ata roldar os 77.400 dólares, mentres que o éter e o BNB tamén rexistraron descensos, segundo o portal especializado CoinDesk.
As vendas afectaron especialmente os mercados de futuros, onde as liquidacións de posicións apalancadas alcanzaron os 1.500 millóns de dólares, de acordo cos datos recollidos por ese medio.