Consellos para evitar riscos ao cortar e preparar a leña
A motoserra e a machada manual son as ferramentas que máis accidentes provocan, e é esencial levar protección
Coa chegada do frío, din os expertos, chegan os accidentes na corta e preparación da leña no monte. Para facer este traballo, recomendan ir sempre acompañados, avisar onde se vai, levar teléfono e unha pequena caixa de primeiros auxilios. E logo, o máis importante é prepararse para protexerse da motoserra, a ferramenta máis perigosa da explotación. Provoca moitos accidentes e cortes por rebote, así que, para collela, hai un código de vestimenta.
"Falamos do pantalón anticorte, de botas e luvas; pero sobre todo o pantalón", di Vicente Manso, técnico superior de prevención de riscos laborais. "Hoxe non hai escusa -engade-, temos pantalóns dende 60 euros, hai deseños de todo tipo, son cómodos, non hai desculpa para non levalo".
O habitual é aproveitar para facer leña coa entresaca dalgún pé. A corta é o momento de maior risco: hai que saber facela e direccionala, para que a árbore caia onde teña sitio.
"Porque se non apuntamos ben a dirección, a árbore pode quedar apoiada noutras e, ao tentar ceibala, é cando se pode producir o accidente. O toro pode facer un movemento inesperado, e caernos enriba", explica Manso.
Así que primeiro faise a entalla ou corte direccional, e despois o de varredura, deixando sempre unha madeira de sostén a modo de bisagra.
Co toro no chan, collemos medidas para dividilo en anacos. Ao facelo, hai que ter coidado de que a motoserra non chegue a tocar o solo para non danar a cadea, e de non cortar nunca coa punta.
"O perigo da motoserra é a punta superior, é onde se producen os rebotes. Pode rebotar cara arriba ou lateralmente, que é o que provoca os maiores cortes nas pernas. Debemos traballar sempre coas partes intermedias da serra, que non teñen perigo", recomenda Manso.
Para fender os toros en achas é fundamental usar un cepo de apoio, porque evita riscos.
"Se estamos traballando nun toro a ras do chan, e non facemos diana, a machada vén cara a nós" di Manso. "Hai que usar un cepo para facer apoio, e cando lle deamos ao toro, facer sentadiña: así evitamos que a machada chegue a nós", engade.
Di que a machada é a ferramenta manual máis perigosa e a gran descoñecida, así que toda precaución suma para evitar riscos. E cansa, así que recomenda sortear a fatiga alternando este traballo con outros. Aos poucos, quedarán as achas listas: aínda terán que secar para poder usalas para leña.