Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia perde case 700 afiliados en outubro e o paro sobe un 2,15 %

Galicia perde case 700 afiliados en outubro e o paro sobe un 2,15 %

Os afiliados á Seguridade Social son en Galicia un 0,06 % menos que en outubro (697 menos) e situáronse en 1.127.270

O número de parados alcanza as 114.849 persoas, 2.412 máis que no mes anterior

No conxunto de España os afiliados son 22,62 millóns, 186.612 máis, e os parados 2,42 millóns, 43.128 máis que en setembro

G24.gal 04/11/2026 09:11 Última actualización 04/11/2026 09:31

Galicia rexistrou unha suba do 2,15 % no número de parados en outubro, ata alcanzar as 114.849 persoas sen emprego (2.412 máis que un mes antes), mentres que os afiliados á Seguridade Social caeron un 0,06 % e situáronse en 1.127.270 (697 menos que en setembro).

Os datos divulgados este mércores polos ministerios de Traballo e Economía Social e de Inclusión, Seguridade Social e Migracións reflicten unha evolución positiva nos afiliados respecto a outubro de 2025, con 24.286 cotizantes máis (incremento do 2,20 %), pero non no desemprego, xa que os parados subiron un 1,29 % no último ano (1.463 persoas máis).

En outubro, o paro subiu en todas as comunidades autónomas e Galicia foi a sexta onde máis se incrementou en termos absolutos. Cataluña (8.174 parados máis), Comunidade Valenciana (6.716 máis) e Castela e León (4.404 máis) encabezaron a lista.

Por provincias, en Ourense subiu un 2,40 % (327 parados máis); na Coruña, un 2,38 % (1.074 máis); en Pontevedra, un 2,15 % (906 máis), e en Lugo, un 0,90 % (105 máis).

O 59,1 % do total de parados en outubro eran mulleres, e os menores de 25 anos representaron o 5 %.

O desemprego subiu en todos os sectores económicos de Galicia, especialmente nos servizos, con 2.013 parados máis, pero tamén na agricultura (217), a industria (164) e a construción (27).

O colectivo de parados sen emprego anterior reduciuse en nove persoas.

En canto aos contratos, en Galicia asináronse 65.770 o mes pasado, un 14,51 % menos que en setembro e un 4,19 % menos que en outubro de 2025.

Galicia continúa por detrás na proporción de contratos indefinidos, xa que representaron apenas o 30,84 % do total de asinados, por baixo do 43,27 % de media en España.

Educación e estranxeiros regularizados dan un novo récord de afiliacións en España

Ao contrario que en Galicia, no conxunto de España o mercado laboral logrou en outubro unha nova marca, con 22,62 millóns de afiliados, tras sumar 186.612 cotizadores de media, pero o paro aumentou en 43.128 persoas, ata os 2,42 millóns de desempregados, no maior incremento para este mes desde a pandemia. 

Na comparativa anual, o paro baixou en 21.133 persoas (o 0,86 % menos), mentres que o emprego sumou 784.573 afiliados, cun ritmo anual do 3,6 %.

En outubro, seguiu o dinamismo do emprego estranxeiro, acentuado co proceso extraordinario de regularización que arrincou en abril, con 63.899 afiliados foráneos máis rozando os 3,7 millóns.

Nos datos de afiliación, o maior avance en outubro foi na educación, con 165.994 afiliados máis, mentres que o descenso máis acusado deuse na hostalería, con 44.974 ocupados menos.

Por sexo, o emprego avanzou máis entre as mulleres, con 131.934 afiliadas máis, ata superar os 10,7 millóns. Entre os homes, a afiliación sumou 54.678, ata 11,9 millóns. As mulleres afiliadas representan xa o 47,4 % do total.

En canto ao réxime de autónomos, subiron 17.963 no mes, ata superar os 3,5 millóns por primeira vez. Na comparativa anual, os autónomos suman 79.163.

A Seguridade Social detalla que, a finais de outubro, o número de afiliados estranxeiros en alta relacionados co proceso extraordinario de regularización alcanza 490.586.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade