Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia perdeu en setembro 6.516 afiliados; o paro aumentou un 2,5 %

Galicia perdeu en setembro 6.516 afiliados; o paro aumentou un 2,5 %

Pola contra, no conxunto de España, a regularización consegue que setembro rexistre o maior incremento para este mes xamais rexistrado: 92.327 ocupados máis respecto a agosto

G24.gal 02/10/2026 09:07 Última actualización 02/10/2026 09:51

Galicia perdeu 6.516 afiliados á Seguridade Social en setembro, unha caída do 0,57 % respecto a agosto, que deixa o número total en 1.127.967, nun mes en que o paro aumentou en 2.746 persoas, un 2,50 % máis, ata alcanzar os 112.437 desempregados.

Os datos divulgados este venres polos ministerios de Traballo e Economía Social e de Inclusión, Seguridade Social e Migracións reflicten que respecto a setembro de 2025 o número de parados baixou en 648 persoas, un 0,57 %, e o de afiliados se incrementou un 2,17 %, 23.965 máis de persoas que cotizan.

Ao contrario que en Galicia, no conxunto de España a afiliación rexistrou en setembro o maior incremento para este mes, con 92.327 ocupados máis fronte a agosto, grazas ao emprego estranxeiro co proceso de regularización extraordinario e o comezo do curso escolar, pero o paro repuntou en 23.587 persoas, ata os 2,37 millóns. 

Deste xeito hai en toda España 22,43 millóns de afiliados, dos que 3,6 millóns son traballadores estranxeiros, 84.220 máis que en agosto.

Galicia foi a terceira comunidade autónoma onde máis creceu o paro en termos absolutos, despois de Andalucía (6.733 desempregados máis) e Madrid (2.773 máis).

Por provincias, en Lugo subiu un 4,59 % (511 parados máis); na Coruña, un 2,57 % (1.129 máis); en Ourense, un 2,15 % (287 máis), e en Pontevedra, un 1,98 % (819 máis).

O 59,2 % do total de parados en setembro eran mulleres, e os menores de 25 anos representaron o 5 %.

O desemprego subiu en todos os sectores económicos de Galicia agás na construción, onde se mantivo estable (rexistrouse apenas un parado menos).

O sector servizos sumou 1.574 parados máis, a agricultura 226 e a industria outros 130, ademais de 817 desempregados máis no colectivo de persoas sen emprego anterior.

En canto aos contratos, en Galicia asináronse 76.930 o mes pasado, un 19,84 % máis que en agosto e un 0,21 % máis que en setembro de 2025.

Galicia continúa por detrás na proporción de contratos indefinidos, xa que representaron apenas o 30,9 % do total de asinados, por baixo do 44,25 % de media en España.

Un total de 81.713 persoas cobraban prestacións por desemprego en Galicia en agosto (o dato máis recente que divulga o Ministerio de Traballo), cunha contía media de 989,4 euros no caso das contributivas.

En canto aos afiliados, do total de 1.127.967 persoas que cotizaban á Seguridade Social en setembro en Galicia, 905.334 estaban inscritas no réxime xeral.

Dentro do xeneral, 7.946 cotizaban no réxime agrario e 22.399, no do fogar.

Ademais, outras 204.946 persoas estaban inscritas no réxime de autónomos e 17.687 no do mar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade