A leña e os pellets son os combustibles máis baratos para quentar o fogar
Supoñen un aforro do 50% respecto ao gasóleo e á electricidade consumida polos radiadores de resistencia
Para unha vivenda media de cen metros, o gasto anual supera os 1.000 euros co uso de combustibles fósiles
Ás portas do outono, boa parte do gasto enerxético vaise en quentar a vivenda. As fontes de calor baseadas nos combustibles fósiles ou na electricidade son cada vez máis caras.
Co prezo do petróleo e o gas tan elevados, as alternativas máis económicas pasan por combustibles naturais e renovables. As estufas de leña ou os pellets son as fontes de calor máis baratas, poden supoñer un aforro de ata o 50% con respecto aos combustibles fósiles e á electricidade.
Para un fogar medio de cen metros cadrados, precisariamos 1.000 euros por temporada se temos caldeira de gasóleo ou radiadores eléctricos.
"A electricidade usada polos radiadores de resistencia custa uns 1.000 euros cada inverno. O gasóleo é algo máis barato, aínda así supón entre os 600 ou 800 euros cada ano", sinala Jesús Rico, profesor de Sistemas Térmicos na Facultade de Minas da Universidade de Vigo.
Se a construción o permite, porque hai espazo e saída de fumes, a mellor opción para darlle calor ao fogar é queimando gas natural ou madeira, ben en forma de leña ou de pellets. O gasto redúcese á metade.
"Poderiamos estar falando de que o gas natural e os pellets roldan máis ou menos o mesmo prezo, e custaríannos arredor de 500 euros para todo o inverno, uns 150 días de utilización, nunha vivenda de entre 90 e 100 metros cadrados", asegura Jesús Rico.
As fontes renovables como o sol, a aerotermia e a xeotermia son opcións que tamén aforran custos, porén dependen dun alto investimento inicial e das condicións da vivenda.
"No caso de ter un terreo ou vivir nunha comunidade de veciños que permita a instalación, cabe considerar a aerotermia e a xeotermia como as opcións óptimas", engade o profesor.
As tecnoloxías dispoñibles no mercado avanzan nunha redución dos custos e na mellora da eficiencia. Con todo, factores como a localización, o tipo de vivenda e o illamento determinarán o custo final de quentar o fogar.