Os granxeiros din que o custo do gasto en gasóleo se duplicou no último ano
Medio Rural lembra que o prazo de aceptación das axudas para combustible e fertilizantes remata o xoves 12 de novembro
Gandeiros e consellería pídenlle a Industria que teña en conta a suba de custos na inminente negociación dos contratos do prezo do leite
Segundo os datos de Medio Rural, os custos dos carburantes e os fertilizantes incrementáronse un 30 % este ano. Pero no sector calculan que ese sobrecusto é aínda maior.
"Se gastas 70.000 euros o ano de gasóleo, pois estamos falando do dobre, 150.000 euros ou máis".
Esa é a factura da SAT Busto Corzón de Mazaricos, unha das máis grandes de Galicia. Conta o seu presidente, José Manuel Fernández, que coma moitas outras explotacións agrícolas e gandeiras subscribiron a axuda de urxencia aberta hai un mes con fondos europeos, estatais e autonómicos, para paliar a suba de custos de gasóleo e fertilizantes.
"Creo que hai un máximo de 6.000 euros. Todo o que veña é bo pero non arranxa o problema".
Desde Medio Rural lembran que esta axuda está a piques de pecharse e aínda quedan agricultores e gandeiros que non a demandaron.
Xa están adxudicados a cada perceptor; simplemente teñen que entrar na sede electrónica e aceptar esa contía. Teñen ata o xoves
Ao sobrecusto do gasóleo hai que sumar os da enerxía. Nunha explotación de Mazaricos que ten preto de 1.200 vacas, a factura eléctrica pasa dos 7.000 euros ao mes, case o triplo de hai un ano. Todo iso sostense cos 24.000 litros de leite que producen cada día.
Por iso tanto os gandeiros, coma os responsables de Medio Rural consideran imprescindible que os novos contratos do leite que se terán que renovar o mes que vén teñan en conta esta realidade. Debería subir porque os custos triplicaron, recalca o presidente da SAT.
"Polo tanto insistir na mensaxe á industria de que é esencial esa subida para paliar a baixada na anterior negociación dos contratos".
Amais diso a Conselleira lémbralle ao Goberno central que tamén é necesario que se blinden os fondos da Política Agraria na próxima negociación da Unión Europea.