Publicador de contidos

Publicador de contidos

Empregar unha boa madeira nas chemineas, clave para evitar intoxicacións por monóxido de carbono

Empregar unha boa madeira nas chemineas, clave para evitar intoxicacións por monóxido de carbono

Para evitalas é importante manter limpos os condutos das chemineas e non usar madeiras tratadas, confirman os expertos 

G24.gal 02/01/2026 14:17 Última actualización 02/01/2026 15:44

Nas ultimas horas o 112 informou de sete intoxicacións en Melide, algunhas causadas polo uso de leña con verniz para queimar.

Estes incidentes, fannos lembrar a importancia de utilizar ben a madeira que escollemos para prender lume nas chemineas: "Adoitan ser núcleos rurais con cociñas de leña", afirma Nicolás Vázquez dende o servizo de emerxencias de Galicia.

Destaca, ademais, a importancia de manter limpas as chemineas e os condutos destas antes que empece a tempada de frío porque  "a feluxe das chemineas é un material que arde cando non está mantida".

O desenfeluxador Manuel Casal confirma que este é o problema que está pasando en moitas cociñas,"cando chegan agora estas datas acenden as cociñas e non lles van", "as cociñas están atascadas ou acenden certa leña que non é adecuada para a cociña".

"Moitos meten tacos de aglomerados. Iso leva colas, vernices, pinturas, e todo iso vai para a cheminea e en cuestión de 15-20 días está todo atascado, por iso hai estes monóxidos de carbono", conta.

Xerado pola mala combustión, o maior perigo do monóxido de carbono é que é un asasino silencioso " é un gas inodoro, insípido e incoloro e iso debemos sabelo porque é moi difícil de detectar".

Para evitar morrer por inhalación deste gas,é recomendable ter un detector deste gas, segundo explica Nicolás Vázquez: "O gas é moi difícil de detectar, salvo que teñamos un detector de monóxido de carbono, que ao final son obxectos que podemos poñer facilmente nas nosas casas, en diferentes estancias, sobre todo cando estamos durmindo, porque non nos damos de conta e pode ser un gas mortal".

Outra recomendación é usar leña en condicións e non queimar madeiras tratadas, restos de mobles ou outros materiais plásticos ou químicos, como verniz, ou outros materiais que "ás veces utilizamos para intentar prender máis rápido as chemineas e poden das lugar a situacións moi perigosas, non só polos posibles incendios senón tamén polas intoxicacións", conta Nicolás Vázquez.

En canto á leña, o recomendable é comprala sempre este ano e deixala para o ano seguinte. "Comprala en marzo ou abril e deixala para o inverno que vén".

"A leña, canto máis seca, mellor tira e menos sucidade fai na cheminea", asegura Manuel Casal.

Estes consellos son básicos para que xuntar a familia arredor da cociña de leña siga sendo un motivo de ledicia e non de preocupación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade