O 'Big Five' da madeira galega viste escaparates en todo o planeta
Cinco grandes empresas na órbita de Inditex levan o nome de Galicia por todo o mundo
A carpintería galega que viste as marcas da multinacional enfróntase ao reto da falta de persoal
Naceron entre labras e hoxe operan con tecnoloxía de precisión. Malasa, o antigo grupo Caamaño, Martínez Otero, Ramón García e Candido Hermida son o selecto grupo de empresas galegas que conforma o BIG Five da carpintería para Inditex.
Entre as cinco facturan cada ano uns 500 millóns de euros e empregan milleiros de persoas por todo o mundo.
Exemplo deste salto de xigante é o grupo Ramón García. Unha historia que arrancou en Mesía, botou raíces en Ordes e hoxe cruza o Atlántico ata México con máis de 600 traballadores no cadro de persoal.
Das súas naves sae o mobiliario que viste as tendas do xigante de Arteixo en todo o planeta. Un mercado onde o tempo manda, a esixencia é máxima e a marxe de erro, cero.
Pero este motor acelerado estase a atopar cun freo inesperado: a falta de persoal. Custa atopar carpinteiros pero tamén técnicos de montaxe. Pero malia as pedras no camiño, as mans e o bo facer da industria galega segue a ser a maior garantía de calidade para vestir escaparates de todo o mundo.