Ceas de empresa polo Nadal: cada ano se planifican con maior antelación
O aumento da demanda sorprende aos restauradores
As clásicas ceas ou comidas de Nadal arrancaron esta fin de semana, aínda que as datas máis demandadas son os dous sábados anteriores á Noiteboa. Cada ano hai máis demanda e adiántanse as reservas.
"A primeira mesa que me reservou este ano foi a finais de xuño. Estabamos na praia e xa pensando no Nadal", conta Óscar Corral, xerente do restaurante Los Robles.
"Este foi o ano con máis reservas pechadas, antes de decembro xa temos todos os sábados cheos", asegura Miguel Seijas, xefe de cociña do restaurante Xoanes.
Son ceas-baile ata a madrugada, con menús pechados que oscilan entre os 55 e os 70 euros. Un chisco máis caros que o ano anterior.
"É inevitable. Todos os anos sobe o custo da vida. É un pouco máis caro que o ano pasado aínda que bastante contidos. Non é unha diferenza abismal, subiron unha media de tres euros o menú", xustifica Óscar Corral, xerente do restaurante Los Robles.
"Se vén un salón de peiteado, unha empresa pequena, son catro ou cinco persoas. Pois este ano temos poucas mesas pequenas, o que temos son grupos de 20, 30, algún de 50 persoas", explica Miguel Seijas, xefe de cociña do restaurante Xoanes.
E cada un paga o seu. Os convites das empresas pasaron á historia.
"Hai algunha empresa que dá unha axuda e temos unha comida ou cea que si a organiza e paga a empresa, pero son as menos con moita diferenza. A gran maioría, cada un paga o seu", conta Óscar Corral, xerente do restaurante Los Robles.
Desde agora e ata fin de ano case non quedan ocos. E xa hai que reservar o venres ou polo medio da semana.