Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Belén de Begonte inaugurou este sábado a súa 55 edición

O Belén de Begonte inaugurou este sábado a súa 55 edición

Esta nova edición está marcada pola lembranza de quen deixou nel unha pegada imborrable

Entre as novas incorporacións destaca unha figura dedicada a Jesús Domínguez Guizán, o párroco que impulsou o belén durante case catro décadas e que faleceu recentemente

A outra novidade tamén mira ao pasado: unha figura que representa o traballo dos antigos canteiros artesanais

Fora declarado Festa de Interese Turístico e visítano cada ano unhas 40.000 persoas

G24.gal 21/11/2026 21:33

É unha das citas do Nadal máis recoñecidas en Galicia, un mundo en miniatura con máis dun cento de figuras que cobran vida.  

Como cada ano, desde 1972, as escenas sucédense e os oficios tradicionais reviven. Nestas cinco décadas o Belén de Begonte non deixou de medrar.

A inauguración oficial contou co pregón de Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia e coa música das Escolas Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol. 

"Reflicten a Galicia tradicional, rural dos anos 60, aos que vivimos aquel tempo nos chega ao corazón e aos máis novos é como un parque temático, no que che están exlicando a túa historia social", destaca Xulio Xiz, xornalista xubilado e amigo do Belén de Begonte.

Esta nova edición do seu tradicional belén mecánico está marcada polas novidades e pola lembranza de quen deixou nel unha pegada imborrable.

Cada edición trae novidades. E a deste ano ten tamén un importante compoñente emocional.

Entre as novas incorporacións destaca unha figura dedicada a Jesús Domínguez Guizán, o párroco que impulsou o belén durante case catro décadas e que faleceu recentemente. Unha homenaxe para quen tanto contribuíu a manter viva esta iniciativa.

"A mellor homenaxe que podemos facerlle é tratar que isto continúe", di José Ulla, alcalde de Begonte.

"Lémbrame todo isto a don Jesús". "Cúrrano moito cada ano máis", din algún dos veciños que non faltan á visita.

"O resto das figuras son figuras vellas, tivemos que modificalas case todas poruqe teñen moitos anos", engade Carlos Torres, encargado do mantemento do Belén de Begonte.

A outra novidade tamén mira ao pasado: unha figura que representa o traballo dos antigos canteiros artesanais, aqueles que transformaban a pedra coas súas mans. Dúas creacións de Ramiro Cruz Gómez, un dos coidadores do belén.

Poderase visitar durante dous meses... cada ano unhas 40.000 persoas regresan para descubrilo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade