Na Festa da Centola de Lorbé despáchanse 2.100 quilos do crustáceo
No encontro degustáronse tamén 1.200 quilos de mexillóns
A centola está de volta nas lonxas e este sábado tivo festa de exaltación no porto de Lorbé, en Oleiros.
"Bastante cheas, bastante grandes. Este ano moi ben, moi ben, moi ben", di unha asistente habitual á festa.
Tamén deu a talla o mexillón, segundo protagonista dun encontro gastronómico que cumpre once anos.
"Nesta época do ano están moi cheos. Todos os anos son un éxito rotundo os mexillóns", afirma o patrón maior da confraría de Lorbé, Antonio Manuel Sánchez Maceira.
Centolas e mexillóns conquistaron ademais dos ollos o padal.
"Están boísimas, son un manxar", asegura unha muller.
"Están moi ricas e o mexillón tamén", di outra.
"De chupar os dedos", sentencia unha terceira.
Non atopamos tampouco queixas cos prezos.
"A centola vai a 22 e a ración de dous quilos de mexillón, a 12", precisa o patrón maior.
"Moi ben para como está o marisco", opina unha asistente.
"O prezo moi ben, si, si", coincide outra.
A cita atraeu visitantes de dentro e de fóra de Galicia.
"Viñemos de Madrid a probarlo", di unha muller.
"Eu vin desde León só para comer este marisco e está moi bo", conta un home.
"E o que sobre lévoo para facer unha sopa mañá", bromea unha muller do Bierzo.
En total despacháronse 1.200 quilos de mexillóns e 2.100 quilos de centolas.
Na confraría de Lorbé están contentos co arranque da campaña da centola e esperan que non encontre atrancos.
"Bastante mellor que o ano pasado, que foi complicado, houbo pouca cantidade. Este ano parece que hai máis. A ver se os temporais nos respectan para a campaña de Nadal e sigue aguantando", di Antonio Manuel Sánchez Maceira.