Dos fogóns ás ringleiras na rúa: o éxito da comida caseira para levar
Os establecementos de comida preparada proliferan nunha sociedade cada vez máis acelerada
Nas Pontes un destes negocios chega a despachar ata trescentas racións nun só día
A falla de tempo e a comodidade explican o aumento deste tipo de locais
Enrique e Belén levan máis de vinte anos traballando no sector da hostelaría, mais co confinamento descubriron que a venda de comida para levar podía ser unha boa aposta. Así que abriron un local no concello coruñés das Pontes dedicado á comida caseira en forma de racións.
"Vas vendo que cada vez son máis gastos os do restaurante. Dende a pandemia cada vez máis xente pediu comida para levar e chegou un momento en que vimos que podía ser un negocio rendible", conta Enrique Hermida, socio do establecemento "De Pucheiro" nas Pontes de García Rodríguez.
Despois de tres anos de funcionamento xa están a ofrecer entre dúascentas racións diarias, que chegan a trescentas os sábados. Pratos de culler elaborados a partir de produtos de proximidade da comarca eumesa son o seu segredo.
"O noso forte é, sobre todo no inverno, a culler: os callos, o caldo, a sopa de peixe", relata Belén Pardo, a outra socia do negocio.
Salpicóns e ensaladas rusas no verán intercambian fogóns cando chega o frío.
"Os callos véndense moito, o caldo é algo bestial, o xarrete de tenreira tamén; o lacón asado, as albóndegas, as milanesas de polo, que lles encantan aos nenos. Un pouco de todo", desvela Belén Pardo, do local pontés "De Pucheiro".
As ringleiras de xente ás portas dan fé de que a comida para levar chegou para quedar.
"Saín de traballar e non teño tempo de cociñar", confesa un cliente do negocio.
"Cada vez vai haber máis demanda e oferta. A falla de tempo é o que implica iso", incide Enrique Hermida.
Sexa por falla de tempo ou simple acomodo, a comida para levar permite desfrutar dun xantar case como o da casa pero axustado a todos os presupostos.