A pasta, un dos pratos máis consumidos, celebra o seu día mundial
Gusta pola súa versatilidade, o seu prezo e o seu sabor
A pasta, especialmente a integral, é rica en triptófano, un aminoácido esencial na produción de serotonina, clave na regulación do apetito e o estado de ánimo
Hai varios estudos que corroboran a seguinte información: un dos pratos favoritos en todo o mundo é a pasta. Os reis son os italianos con máis de seiscentos tipos e formas. E hoxe é o seu Día Mundial.
A pasta viaxou cos inmigrantes italianos desde fins do século XIX. Por iso se popularizou nos Estados Unidos. E aínda que hai lendas que din que Marco Polo a levou da China a Italia en 1275, dicir pasta é dicir Italia. Así que antes das comidas deste domingo, no Día Mundial da pasta, achegámonos a Osteria Domenica, en Vigo rexentada polo cociñeiro Flavio Morganti, que é de Como.
"Fálase moito de que a pasta foi importada da China pero é unha lenda. Porque que queda documentado que nos anos que dixeron que trouxeron a pasta xa había espaguetis e macarróns na zona de Sicilia e o Mediterráneo. Foi o que sacou a fame na postguerra porque un prato de pasta é asequible, encheu as barrigas e levantou Italia", conta a TVG Flavio Morganti, socio e cociñeiro do restaurante italiano Osteria Domenica, en Vigo.
No século XXI é un dos pratos máis consumidos polo súa versatilidade, rendemento económico, e porque gusta. Segundo un estudo de Oxfam é o prato favorito do mundo. Preguntaron a dezaseis mil persoas en dezasete países.
A pasta, especialmente a integral, é rica en triptófano, un aminoácido esencial na produción de serotonina, clave na regulación do apetito e o estado de ánimo. Será por iso que os italianos afirman, categoricamente, que a pasta dá a felicidade.