Piden uns callos para levar e ameazan con denunciar a cociñeira por botarlle garavanzos
A propietaria do bar Pepucho de Malpica pensou que lle estaban gastando unha broma
A propietaria do bar Pepucho de Malpica pensou que alguén lle estaba gastando unha broma ao escoitar por teléfono as queixas dunha parella que levara dúas racións de callos para a casa.
"Non me deixaba nin falar, dicía que os estafei. Debéronse dar conta de que levaban garavanzos despois de comelos, porque na foto da friameira case non quedan. Eu pensei que era unha broma e rin, pero ela enfadouse", di Susana.
Os intentos de Susana por explicarlle a receita dos callos galegos á clienta parece que non mellorou as cousas.
"Díxome: 'Voulle presentar unha denuncia en Comercio e vaille caer o pelo'".
"Despois da chamada, todo foron mensaxes moi feas, un vídeo faltándonos ao respecto aos galegos", engade a propietaria do bar
A clientela habitual do establecemento mantén que a cuestión foi máis dunha falta de respecto que de abundancia de garavanzos.
"É non saber andar polo mundo".
"En cada lugar as cousas fanse dun xeito", afirman dous clientes.
"En Malpica temos turistas moi bos, non todos son 'fodechinchos', pero sempre hai algúns dunha especie un pouco rara", di a propietaria do bar.
Todos os venres e sábados haberá callos no local coa receita e o humor habitual da cociñeira, que segue sorprendida coa repercusión
"Estou esperando a que me chame Almodóvar tamén, isto é moito...".