O chef Barreira leva a Edimburgo a Festa da Faba de Lourenzá
O cociñeiro galego xa pensa nas castañas e nos grelos como os próximos sabores a introducir nos padais dos escoceses
Fixéronlle unha videochamada e estaba cociñando e xa coas fabas a remollo, porque en pleno porto de Edimburgo, nun coñecido buque-hotel-restaurante, esta fin de semana hai Festa da Faba de Lourenzá.
"Imos preparalas esta fin de semana e xa teño a remollo as fabas de IXP. Os provedores son veciños e de momento a loxística é a miña maleta", contounos Pedro Barreira, que é Xefe de cociña nun restaurante de Edimburgo.
E así aos poucos nas mesas, nas terrazas escocesas, van triunfando axiña as propostas do xefe de cociña, o galego Pedro Barreira.
"Fágoo por ese punto emocional de lembrar a casa e o noso xeito de cociñar e en Escocia gusta moito a cociña con identidade. Para a Noite Vella de sobremesa vou poñer marrón glaçé de Ourense e grelos e chourizo de Lourenzá na gornición do peixe", dixo.
Desde logo prometen ser unha delicia nun marco que, polo que entra polos ollos, desde logo tampouco ten dúbida.