Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía pide 11 anos de prisión para un home de Vilagarcía por posesión de armas

A Fiscalía pide 11 anos de prisión para un home de Vilagarcía por posesión de armas

Impútanselle delitos de tenza de armas, depósito de armas, depósito e fabricación de municións e depósito de explosivos

Acusado durante a celebración do xuízo
G24.gal 24/11/2026 15:49

A Fiscalía pide 11 anos de prisión para un home acusado de posesión de armas, municións e explosivos no seu domicilio en Vilagarcía de Arousa. Os axentes deron co acusado ao investigar a outro home da Comunidade de Madrid por vender grandes cantidades de cartuchos a través de Internet.

En 2022 rexistraron o domicilio do vilagarcián, xa que era un dos grandes clientes do madrileño. Os axentes atoparon na súa vivenda oito armas curtas, 2.374 cartuchos de munición de distintos calibres e ferramentas e compoñentes para fabricar proxectís. Ademais, o acusado tiña algo máis dun quilo de pólvora, cargadores, silenciadores e miras telescópicas. Os axentes da Garda Civil que efectuaron o rexistro atoparon dúas armas cargadas nunha caixa forte e case mil manuais de fabricación de armas de todo tipo que, segundo os axentes, incluso das usadas polo xihadismo.

Segundo a Fiscalía, o acusado carece de licenza de armas ou de autorización para ter un armeiro. A investigación determinou que moitos dos efectos dese arsenal foron adquiridos entre 2013 e 2021 no portal de compravenda Todocolección. 

A defensa do acusado céntrase no afán de coleccionismo para pedir a súa absolución. Segundo eles, o acusado ten diagnosticado un trastorno acumulativo e por iso foi comprando as armas de maneira transparente nun portal de conpravenda. A defensa recalca que incluso algunhas das armas que adquiriu eran anunciadas como "inertes", sen posibilidade de uso.

Pese ás alegacións da defensa, o fiscal e os axentes que instruíron o caso entenden que as armas adquiridas polo acusado son de uso normal, sen valor de colección.

Impútanselle tres delitos de tenza de armas, depósito de armas e depósito e fabricación de municións polos que lle piden 4 anos de cadea; ademais doutro delito de depósito de explosivos, polo que se expón a outros sete anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade