A Fiscalía Provincial de Lugo abre dilixencias polos falsos avisos de bomba en colexios
A finalidade é esclarecer quen está detrás dos correos electrónicos enviados aos centros
80 colexios e institutos recibiron ameazas de bomba e a Policía Nacional e a Garda Civil procederon ao desaloxo
Un dos colexios desaloxados por ameaza de bomba. TVG.
A Fiscalía Provincial de Lugo abriu de oficio dilixencias de investigación en relación coas ameazas de bomba que afectaron a varios centros escolares da provincia de Lugo a semana pasada, segundo explicou o Ministerio Fiscal nun comunicado.
As dilixencias teñen por obxecto recompilar a información dispoñible sobre os feitos e analizala de xeito conxunto para esclarecer quen está detrás das ameazas de bomba.
Os feitos ocorreron o 18 e 19 de novembro
Cabe lembrar que a xornada do mércores 18 e o xoves 19 de novembro, axentes da Policía Nacional e a Garda Civil realizaron desaloxos e revisións tras recibir falsos avisos de bomba.
Os avisos foron recibidos de forma practicamente simultánea ao mediodía mediante correo electrónico dirixido ás direccións educativas e afectaron a uns 80 centros galegos.
Na cidade de Lugo, os avisos afectaron ao IES Sanxillao, o IES Muralla Romana e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.
Ademais, tamén afectou municipios da provincia como Viveiro, Monforte de Lemos e Ribadeo.