Chega á súa fin o calvario polas obras na avenida de Portugal, en Ourense
Tras un ano e medio coa rúa levantada por obras, os veciños agardan despedirse delas para o Nadal
Tanto os que viven alí coma os que teñen negocios falan dun martirio o que tiveron que pasar polos atrasos na execución das obras
As molestias actuais non son nada para os veciños da avenida de Portugal. O colofón de dezaoito meses de penurias.
"Os coches, un día por aquí, outro por alá, sen respecto ningún, nin aviso, nin comunicación". "Houbo moito descontento porque se alongaron demasiado. Xa tiña que estar rematado no Nadal do ano pasado". "Isto nun país civilizado non debía pasar", comentan dous veciños.
Unha rúa de máis dun quilómetro de lonxitude, con varios treitos en obras á vez, o que converteu o día a día dos veciños nunha xincana, especialmente ao paralizárense os traballos da primeira adxudicataria, actualmente en concurso de acredores.
"A ver se é verdade que as rematan para o Nadal. Non confío porque non cumpriron ningún prazo dos que dixeron", di outro veciño.
Os comerciantes foron os máis prexudicados. Falan de danos económicos incuantificables: perda de clientes e problemas cos provedores.
"Estivemos a maior parte do tempo, ata hai dous ou tres meses, coa rúa levantada. Tampouco poden vir coches, só nunha dirección. Subministracións moi complexas, non podían descargar... Levamos dous anos de inferno total. É fatal para os negocios", lamenta Pablo Pérez, panadeiro.
A tal punto chegou a situación, que os propios veciños saíron á rúa para esixiren unha intervención inmediata do Concello, que finalmente volveu adxudicar a obra pola vía de urxencia.
"Imos ter iluminación nova, asfaltado novo, beirarrúas máis anchas, máis limpo, máis curioso todo. Valeu a pena. Era necesario". "Xa están rematadas as beirarrúas, as luces postas, que retiren o que teñen por aí e xa se pode circular, polo menos. Se queren rematar, que rematen e, se non, que a deixen", explican dous veciños.
O concelleiro de Urbanismo acaba de anunciar que a finalización é cuestión de semanas, se o tempo o permite.