Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vaga de asaltos en Lugo coa técnica do mataleón

Vaga de asaltos en Lugo coa técnica do mataleón

Tres casos denunciados nos últimos días en varios barrios da cidade, con dúas detencións

O roubo máis recente rexistrouse no barrio de Feixoo
Félix Aragunde 24/11/2026 13:51

A perigosa técnica do mataleón foi a empregada nos últimos días en diversos puntos de Lugo nun total de tres asaltos. O máis recente rexistrouse no barrio de Feixoo, onde a vítima foi abordada por detrás para agarrala polo pescozo. Aínda que non chegou a quedar sen sentido, o ladrón deixouna sen unha cadea de ouro valorada en preto de mil euros.

"Saín do bar para a casa, a uns 300 metros de distancia, e ao entrar na miña rúa un individuo agarroume por detrás e fíxome iso que chaman o mataleón. Intentei defenderme un chisco, caemos ao chan, díxome: 'Dáme a cadea, cabrón', tirou dela, forcexamos dous segundos, el levantouse e, moito máis novo ca min, botou a correr", relata Carlos García Vázquez, vítima do roubo, quen é coñecido na cidade por ser secretario da Federación de Industria da UXT. 

A mesma noite, previamente outro veciño fora sorprendido polas costas nunha rúa próxima, aínda que non chegaron a roubarlle nada grazas á axuda dos viandantes. O terceiro caso rexistrouse uns días antes no Camiño Real, onde lle levaron dúas carteiras á vítima. Unha vez identificados, a policía puido prender os supostos autores do asalto. 

"Neste caso o denunciante camiñaba só de madrugada pola rúa. Volvía para a casa no momento en que o abordaron. Un dos implicados agarrouno por detrás e tirouno ao chan, mentres o outro aproveitou para quitarlle as dúas carteiras que levaba. A continuación, ambos fuxiron do lugar. Despois os investigadores solicitaron as gravacións de distintas cámaras da zona, revisaron as imaxes e grazas a elas puideron identificar os autores", explica Víctor Parga, voceiro da comisaría de Lugo. 

Tras seren detidos, os presuntos ladróns foron postos a disposición da Xustiza. Malia quedaren en liberdade, están á espera de xuízo por roubo con violencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade