Asaltan o local veciñal do Ventorrillo, na Coruña, e deixan danos por valor de dous mil euros
Os ladróns remexeron todas as estancias e forzaron case todas as portas
Levaron un televisor, un portátil e 200 euros en efectivo
Ás nove da mañá Manolo dispúñase a abrir o local veciñal do barrio coruñés do Ventorrillo para dar a súa clase de gaita e foi cando descubriu que entraran a roubar.
"Quixen meter a chave, pero xa vin que estaba sen o 'bombín'. E xa me dei de conta de que entraran roubar", explica Manolo Viqueira, profesor de gaite e foi quen descubriu o roubo.
"Xa nos dixo que estaba todo desfeito, todo remexido. Vide canto antes. Todo remexido, e vimos as portas completamente rebentadas", engade Aníbal Rodríguez, o presidente da asociación de veciños.
Co desgusto e a impotencia no corpo, foron cuarto por cuarto para descubrir que fora o que lles levaran.
"200 euros que tiñamos, un televisor de 55 pulgadas e uns walkie talkies. Falamos cos do club de fútbol sala e a eles faltáballes o portátil. Un desgusto máis", di Aníbal.
"Todos os danos que deixaron e o gasto que supón ter que facer as chaves para todos os que vimos dar clases aquí", conta Manuel.
Nas últimas horas estiveron limpando e recollendo o que puideron. Pero aínda non conseguiron retomar a normalidade. Emilia dá clases de pintura, que, polo momento, quedaron suspendidas.
"A min estragáronme a porta. Non podo abrila. Cartos non había e os cuadros non lles serven porque están sen rematar. Así que para que ían entrar?", pregúntase Emilia.
Agora, para evitar episodios semellantes, pensan en instalar cámaras de seguridade.
"E facer un seguro, polo menos", conclúe Emilia.
Queren borrar xa este capítulo e centrarse de novo nas súas festas, que se celebrán entre o 9 e o 12 de outubro.
"O barrio non vai quedar sen elas. Amais estamos moi agradecidos porque recibimos moitas mensaxes por se queriamos que nos viñeran axudar. E isto ponche a pel de galiña", manifesta Aníbal.