Publicador de contidos

Publicador de contidos

Asaltan tres casas en Oza Cesuras, unha delas con dous rapaces dentro

Asaltan tres casas en Oza Cesuras, unha delas con dous rapaces dentro

Levaron o ouro e os cartos do cuarto do matrimonio: "Os rapaces escoitaron un golpe, pero pensaron que chegaran os pais"

Unha cámara de seguridade gravou a dous homes corpulentos, un de negro e outro de branco

G24.gal 23/11/2026 14:31

Entraron por unha ventá da parte de atrás da casa, aproveitando que escurecía e que non se vía movemento na casa. 

"Estaban os dous fillos maiores pero tiñan as persianas pechadas e pensaron que non había ninguén. Os rapaces escoitaron un golpe, pero pensaron que chegaran os pais e non fixeron caso", conta María Ángeles Carro, unha veciña dos afectados.

"Os rapaces estaban a xogar coa consola e cando os pais chegaron acenderon as luces da casa e daquela fuxiron", engade José Pablo Cacheiro, alcalde de Oza Cesuras

Sorprendidos, por onde entraron marcharon, pero con tempo suficiente para remexer o cuarto do matrimonio e levar o ouro e os cartos, uns 400 euros. 

Non se sabe se antes ou despois entraron noutra vivenda, que está a poucos pasos.

"Os donos chegaron ás catro da mañá e tiñan a casa desvalixada", asegura a muller. 

"Estamos falando dunha zona con casas ao lado, dunha zona urbanizada. Non se entende. Ás sete da tarde", lamenta o rexedor.

Empezaran o percorrido antes, nun chalé da mesma parroquia, pero algo máis distanciado, a medio quilómetro. De pouco serviu o aviso de alarma. 

"Tiñan cámaras e saben que son dous homes corpulentos, un vestido de negro, con máscara negra, e outro vestido de branco con máscara branca", describe esta veciña. 

A sensación de inseguridade no rural vai a máis, como tamén a demanda de alarmas.

"Nós puxémola porque tiñamos medo. Saes un día e polo menos vas un pouco máis protexida. Antes estabamos tranquilos, as casas estaban abertas e non tiñamos medo e agora se quedo soa, teño medo e teño as portas todas pechadas", engade María Ángeles.

Botan en falta aquelas aldeas nas que se vivía coas portas abertas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade