Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cae un grupo criminal que asaltaba chalés en Galicia e se agochaba no monte

Cae un grupo criminal que asaltaba chalés en Galicia e se agochaba no monte

A Garda Civil detivo tres persoas pola súa suposta implicación nunha vintena de roubos

Escollían vivendas unifamiliares nunha zona tranquila e entraban en varias nunha xornada

Durmían nunha tenda de campaña nun monte da provincia de Pontevedra

G24.gal 22/11/2026 14:38

A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense desartellou, no marco da Operación Ziralla, un grupo criminal especializado no asalto de chalés en Galicia, que se ocultaba no monte en tendas de campaña.

O instituto armado detivo tres persoas pola súa suposta implicación nunha vintena de roubos cometidos en vivendas das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña.

Segundo informa nun comunicado, os sospeitosos sortearon ata en dúas ocasións as unidades de intervención e o día do arresto chegaron a arremeter co seu vehículo contra dous coches patrulla, que quedaron danados.

A investigación comezou tras a denuncia de seis roubos cometidos na provincia de Ourense, en localidades como Vilanova dos Infantes, Allariz ou Barbadás. 

Modus operandi

O seu modus operandi consistía en seleccionar vivendas unifamiliares tipo chalé en urbanizacións ou zonas residenciais tranquilas e asaltar varios inmobles durante unha mesma xornada no luscofusco.

Despois de cometer os roubos, os detidos ocultábanse nunha zona de difícil acceso nun monte da provincia de Pontevedra, onde durmían en tenda de campaña.

No operativo recuperáronse diversas xoias recoñecidas polos seus propietarios, ferramentas, placas de matrícula dobradas que intercambiaban constantemente e máis de 5.000 euros en efectivo.

Este luns ao mediodía, a Garda Civil ampliará detalles desta operación nunha conferencia de prensa na Comandancia de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade