Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un coche de 360 cabalos e tendas de campaña: así actuaba a banda que roubaba chalés desde Vila de Cruces

Un coche de 360 cabalos e tendas de campaña: así actuaba a banda que roubaba chalés desde Vila de Cruces

A Garda Civil ofreceu os detalles que conduciron á detención de tres cidadáns albaneses pola súa presunta implicación nunha vintena de roubos en casas na provincia de Ourense

A operación Ziralla continúa aberta e non se desbota que á banda se lle poidan atribuír máis delitos

Garda Civil Garda Civil
G24.gal 23/11/2026 12:39

A Garda Civil ofreceu este luns os detalles da operación Ziralla, en que se enmarca a detención de tres cidadáns albaneses pola súa implicación, de momento, nunha vintena de roubos en casas na provincia de Ourense.

O tenente coronel Rafael Berguillo, o capitán Juan José López Castro e o subdelegado do Goberno en Ourense Eladio Santos compareceron na Comandancia da Garda Civil en Ourense para dar conta do operativo.

A operación continúa aberta e non se desbota que aos arrestados se lles poidan atribuír a comisión de máis delitos. 

Garda Civil Garda Civil

Os supostos asaltantes desprazábanse nun vehículo de alta gama de 360 cv de potencia e non dubidaron en arremeter contra os coches policiais ata en dúas ocasións no momento da súa detención.

Os axentes relataron que descoñecían se a banda posuía armas de fogo, pero aseguraron que "non lles cumprían" porque, co seu vehículo, "tiñan unha arma de dúas toneladas".

Unha das maiores dificultades da investigación foi, segundo relataron, fixar o domicilio en Galicia da banda itinerante. 

Finalmente, descubriron que se agochaban nunha zona de monte de difícil acceso no concello pontevedrés de Vila de Cruces, onde vivían en tendas de campaña.

Garda Civil Garda Civil

Segundo describiron, os asaltantes actuaban en 10 minutos para a comisión dos roubos en casas sen xente. "Se detectaban a presenza de moradores, bulían", explicou López Castro. 

Unha vez que a Garda Civil detectou os movementos do grupo, tentou interceptalo en dúas ocasións.

Na segunda, comprobaron que o coche en que se desprazaron modificou o seu traxecto de súpeto, posiblemente, alertado por algún condutor "de boa fe" da presenza do control da Garda Civil a través de sinais luminosos.

"A cidadanía ten que saber que este tipo de comportamentos pode supoñer que uns delincuentes escapen", asegurou o capitán.

Entre os efectos apresados, os axentes atoparon xoias, cartos en efectivos, ferramentas de asalto e de comunicación, placas de matrícula e detectores de pureza de ouro e diamantes.

Polo de agora, a investigación atribúelles asaltos nos concellos ourensáns de Barbadás, Allariz, A Merca, Vilanova dos Infantes, Celanova, San Cibrao das Viñas, Coles e Vilamarín.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade