Publicador de contidos

Publicador de contidos

O lema "...E para comer, Lugo" queda orfo

O lema "...E para comer, Lugo" queda orfo

Falece Alfredo Sánchez Carro, creador do famoso slogan gastronómico e impulsor tamén da Orde da Alquitara de Portomarín

O slogan está rexistrado pola asociación provincial de hostaleiros
Félix Aragunde 23/11/2026 13:59

O famoso lema gastronómico "... E para comer, Lugo" quedou orfo. O seu creador, o polifacético Alfredo Sánchez Carro, faleceu na capital lucense aos 93 anos. Corría o 1965 cando, sendo delegado provincial de Información e Turismo, ideou o slogan que se había converter no seu principal legado. 

"Tiña un sentido da promoción turística, sobre todo da provincia de Lugo, marabilloso. Aí están os resultados. '...E para comer, Lugo', orixinalmente en castelán pero que nós galeguizamos e que a APEHL rexistrou en ambas linguas", sinala Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo. 

"Foi unha persoa que impulsou moitísimo a gastronomía lucense, creando ese lema nos anos 60, que era o mellor slogan que podiamos ter nesta cidade polos moitos restaurantes que había, e que hai, de moitísima calidade. Unha persoa que realmente deixou pegada na nosa cidade", engade Luís Latorre, presidente da asociación de empresarios Lugo Monumental. 

Xornalista nos inicios da súa carreira, Sánchez Carro tamén impulsou e fundou a Serenísima Orde da Alquitara de Portomarín, co fin de promover a festa da augardente desta vila. Xa na etapa democrática, e á marxe da gastronomía, inaugurou e dirixiu durante anos o colexio público de Paradai, en Lugo, onde ademais chegou a ser tenente de alcalde ou delegado de Presidencia. 

"Era profesor de educación física, ademais de director, e compaxinábao con cargos na corporación municipal e co xornalismo. Eu era alumna del, daquela en sexto de primaria, e foi o meu mentor. Unha persoa cunha vocación social tremenda, que nos axudaba tanto aos alumnos coma ás familias", afirma María Isabel Ferreiro, directora do CEIP Paradai.

A comezos dos anos 60, Alfredo Sánchez Carro fundara e presidira o Club Ancares, destinado a promover esta comarca da montaña lucense. Fora pouco antes de que inmortalizase a frase "... E para comer Lugo". 

Alfredo Sánchez Carro, en declaracións aos medios públicos do país Alfredo Sánchez Carro, en declaracións aos medios públicos do país
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar