A Policía abre dilixencias pola morte do futbolista Jesús de Miguel
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias detallan que toda morte que non ten causa natural, sexa por accidente ou por outro motivo, implica a apertura de oficio dunha investigación xudicial, coma neste caso
Candeas e flores nas portas do estadio tinerfeño en memoria do dianteiro falecido (EFE/Ramón de la Rocha)
A Policía Nacional abriu unha investigación sobre a morte do futbolista do Club Deportivo Tenerife Jesús de Miguel, que está xa baixo supervisión xudicial, confirmaron a EFE fontes da Comisaría provincial.
A morte do xogador, de 30 anos, produciuse no Hospital Nuestra Señora de La Candelaria horas despois de sufrir un forte impacto do porteiro do Andorra Jesús Owono na pugna por un balón dividido, nos últimos minutos do partido disputado este luns no Heliodoro Rodríguez López.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias detallan que toda morte que non ten causa natural, sexa por accidente ou por outro motivo, implica a apertura de oficio dunha investigación xudicial, como neste caso.
O fiscal xefe de Santa Cruz de Tenerife, José Luis Sánchez-Jáuregui, ve "moi difícil" que se abra un proceso penal polo falecemento do futbolista Jesús de Miguel, pois o golpe que recibiu produciuse nun lance do xogo e haberá que esperar ao que determine o Comité de Disciplina Deportiva.
En declaracións a EFE, Sánchez-Jáuregui sinalou que unha doutrina moi antiga do Tribunal Supremo indica que as lesións no ámbito deportivo non son punibles excepto, obviamente, se hai unha agresión dun xogador a outro nun momento de parada do xogo.
Precisou o fiscal que, en todo caso, hai que aterse primeiro ao que recolla a acta arbitral e, posteriormente, ao que ditamine o Comité de Disciplina Deportiva.
En concreto, engadiu, haberá que espera a coñecer se este considera que na xogada desencadeante do fatal desenlace houbo xogo perigoso ou moi perigoso, e se entende que o golpe efectuado polo porteiro do Andorra, Jesús Owono, foi con intención de facer dano ou non.
Se a familia do xogador falecido non estivese de acordo coas conclusións, pode proceder a presentar unha denuncia por suposta agresión con resultado de morte que daría pé a unha investigación, pero o fiscal xefe subliña que dificilmente pasaría da cualificación de homicidio por imprudencia menos grave.
Explica que se trataría dun homicidio non doloso, similar ao que ocorrería se como consecuencia dun empuxón alguén cae e rompe a caluga, nun acto en que non hai intención de matar expresamente; isto é, un homicidio por imprudencia.