Reclaman solucións á alta sinistralidade da estrada entre Pazos de Borbén e Redondela
Os veciños din que é unha vía moi estreita e que non está preparada para a circulación de tráfico pesado
O que máis lles preocupa aos veciños é a circulación de varios autobuses escolares pola zona que coincide co paso dos tráilers
É habitual atopar camións con dificultades para circular pola estrada provincial que une Pazos de Borbén con Redondela. Os veciños din que é unha vía moi estreita e que non está preparada para a circulación de tráfico pesado.
Explican que cando atopan un camión nunha curva teñen que parar e que o perigo para os peóns é constante xa que non hai beirarrúas. Dende a Plataforma pola mellora da EP-2702 tamén se queixan de problemas de visibilidade e do mal estado do asfalto que a converten nunha estrada de alta sinistralidade.
O que máis lles preocupa aos veciños é a circulación de varios autobuses escolares pola zona que coincide co paso dos tráilers. Temen que se poida producir un accidente grave. Non queren parches e piden a reforma integral da vía.
Aseguran que só están a reparar un dos oito quilómetros que ten a estrada e que o seu asfaltado só sería unha solución a curto prazo. Din que pagan os seus impostos e que teñen dereito a reforma da vía dende Amoedo, en Pazos de Borbén, ata os Valos, en Redondela. Levan moitos anos manifestándose pero aseguran que polo de agora ninguén escoita as súas reivindicacións.