Os tres condenados por un asalto violento en Sada en 2024 sairán en liberdade
Asaltaron un home na casa, mallaron nel, roubáronlle e deixárono atado e amordazado
Os tres acusados permanecían en prisión provisional dende decembro de 2024
Foi unha noite de novembro de 2024, nun edificio en Sada. Unha muller chama á porta dun amigo e, cando abre, outros dous homes con pasamontañas cáenlle enriba a golpes.
Amordazárono, atárono de pés e mans e mallárono para roubarlle a carteira, o móbil e dúas navallas. Un botín valorado en menos de 200 euros. Deixaron a vítima ferida e atada de mans, e así quedou ata que conseguiu zafarse da mordaza e pedir auxilio, ás oito da tarde do día seguinte.
Os tres asaltantes, en prisión provisional dende decembro de 2024, recoñeceron os feitos na Audiencia Provincial para chegar a un acordo na condena.
"Acusábanos de roubo con violencia en casa habitada; de detención ilegal, porque estivo 20 horas atado ata que os veciños escoitaron as peticións de auxilio; e dun delito de lesións", explica Manuel Ferreiro, avogado dun dos acusados.
Pedían para eles entre 14 e 17 anos de cadea, e 7.000 euros para indemnizar a vítima. Finalmente acordáronse penas de ata 5 anos, grazas a un aumento na indemnización.
"Aplícaselles a atenuante moi cualificada de reparación de dano -explica Ferreiro-. A fiscalía pedía 7.000 euros, chegouse a acordo de pagarlle á vítima 18.000, e con ese pago puideron beneficiarse dunha rebaixa nas penas".
"Pagándose a indemnización que se acordou coa fiscalía e a acusación particular, facendo un esforzo económico, as penas quedaron por baixo dos cinco anos e por tanto procede a posta en liberdade inmediata", afirma José Ramón Sierra, avogado doutro acusado.
Posta en liberdade inmediata para os dous homes, e a muller volveu temporalmente a prisión, á espera de acreditar a súa condición de drogodependente en rehabilitación. Teñen dez meses para completar o pago da indemnización á vítima, e tamén terán que pagarlle ao Sergas pola atención sanitaria que precisou.